A Agrupación Musical do Rosal inicia o seu camiño a Kerkrade 2026 cun Concerto de Primavera
• O vindeiro domingo 29 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio do Rosal
AMdoR / O Rosal
A Agrupación Musical do Rosal dará comezo ao seu “Camiño a Kerkrade 2026” cun concerto moi especial que terá lugar o vindeiro domingo 29 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio do Rosal.
Este Concerto de Primavera contará coa participación de Paulo Martins como director convidado, unha figura destacada no ámbito musical internacional. Formado no Conservatorio de Música do Porto e na ESMAE como fagotista, ampliou a súa formación en Alemaña, onde acadou o título de solista e un máster en interpretación. Posteriormente especializouse en dirección de orquestra, obtendo o mestrado no Conservatorio de Maastricht.
Ao longo da súa traxectoria, Paulo Martins foi recoñecido en diversos concursos e dirixiu numerosas formacións en Portugal e España, ademais de formar parte como xurado en certames nacionais e internacionais. Na actualidade, exerce como profesor de fagot e orquestra no Conservatorio de Música do Porto e é Director Artístico da Orquestra e Banda Sinfónica de Xóvenes de Santa María da Feira, da Asociación Amigos de Branca (ARMAB) e da Academia Portuguesa de Banda (APB).
Como novidade destacada, este concerto introducirá por primeira vez a modalidade de taquilla inversa nos eventos da agrupación. Deste xeito, ao rematar o espectáculo, o público poderá decidir libremente a súa achega económica. A recadación destinarase integramente a financiar a participación da banda no proxecto Kerkrade 2026.
A Agrupación Musical do Rosal convida a toda a veciñanza e amantes da música a asistir a este concerto, que supón o primeiro paso dun ilusionante camiño cara a un importante reto internacional.

Ningún comentario:
Publicar un comentario