11 de mar. de 2026

O PORRIÑO

Convocadas tres xornadas de paros parciais en Amazon no Porriño ante a negativa da empresa a mellorar as condicións laborais 

 Terán lugar este luns 16, o martes 17 e o mércores 18 de 7:00 a 11:30 horas Vigo, 11 de marzo de 2026


O comité de empresa do centro loxístico de Amazon no Porriño vén de anunciar a convocatoria de tres xornadas de paros parciais
Foto: CIG (Arquivo)

Infogauda / O Porriño

 O comité de empresa do centro loxístico de Amazon no Porriño (con 4 de 5 representantes da CIG) vén de anunciar a convocatoria de tres xornadas de paros parciais para este luns 16, o martes 17 e o mércores 18 de marzo ante a negativa da empresa a rematar cos altos niveis de precariedade aplicando unha serie de melloras que rematen coa excesiva carga de traballo e cos incumprimentos en materia de prevención de riscos e saúde laboral. 

 Ademais, a representación sindical reclama o aumento das horas nos contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, que a día de hoxe non superan as 24 horas semanais, un plus específico que remunere de xeito especial o traballo ens domingos e unha bolsa de horas anual para asistencia a consulta médica. 

 Esta nova convocatoria, á que están chamadas as 95 persoas traballadoras que desenvolven o seu labor no almacén situado no polígono porriñés da Granxa, chega tras a xornada de folga desenvolvida o pasado 23 de decembro e é unha resposta á nula vontade da dirección para atender as “xustas reivindicacións” do cadro de persoal, tal e como explica Carlos Martínez Lamosa, da FGAMT-CIG de Vigo. 

 O responsábel sindical denuncia que dende esa mobilización a empresa e o comité mantiveron dúas xuntanzas “sen que se tivesen producido avances pola actitude inmobilista da dirección de Amazon, até o punto de que mesmo se negan a establecer unha bolsa de horas para ir a consulta médica a pesar de que tería un custe mínimo para unha transnacional que ano tras ano rexistra beneficios millonarios”. 

 Con todo, para Lamosa o problema fundamental radica na elevada sobrecarga laboral que padecen as persoas traballadoras, o que está a provocar constantes baixas por estrés e por lesións músculo esqueléticas. Ao mesmo tempo, o 70% do cadro de persoal -o que presta servizo no almacén- ten contrato a tempo parcial ou fixo descontinuo ou a través de ETT, o que provoca que os salarios oscilen entre os 900 e os 1000 euros. “Os únicos contratos a tempo completo son o das persoas supervisoras e os do persoal de oficinas”, detalla. 

 Por todo isto o comité de Amazon decidiu promover a convocatoria de paros parciais, que incluirán novamente concentracións os tres días diante das instalación de Amazon de 10:00 a 11:30 horas, para reclamar unha mellora das condicións laborais “fronte a unha dirección que segue instalada no inmobilismo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario