BALONMÁN FEMININO
O Guardés busca a fazaña europea ante o Elche este sábado na Sangriña
• O equipo baixomiñoto recibe de novo este sábado (19.00 horas) ao Atticgo BM Elche, esta vez para disputar o encontro de ida de cuartos de final da EHF European Cup
• O Elche, favorito da competición continental, chega ao pavillón guardés despois de vencer ás de Ana Seabra o mércores como anfitrión en contexto ligueiro
• O cadro de persoal segue reducido, coa baixa de Elena Martínez e a dúbida de Lorena Téllez. As demais sumarán minutos seguro, e pode unirse algunha xuvenil como reforzo de última hora
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés achégase á hora da verdade. As de Ana Seabra buscarán valerse da súa afección este sábado (19.00 horas) na visita do Atticgo BM Elche á Sangriña para disputar o encontro de ida de cuartos de final da EHF European Cup. Trala derrota a domicilio o pasado mércores en escenario ligueiro, o auténtico reto chega agora para o Guardés coa eliminatoria europea ante un dos favoritos da competición, especialmente tendo en conta o mal momento dun cadro de persoal moi tocado polas lesións: neste encontro tampouco estará Elena Martínez e hai dúbidas sobre a participación de Lorena Téllez. O resto de xogadoras, en principio, sumarán minutos para aportar ás rotacións, e pode que Seabra chame a algunha xuvenil para reforzar a convocatoria.
O equipo baixomiñoto chega nunha marcada necesidade dunha alegría. O do pasado mércores na casa do mesmo Elche foi un partido para esquecer para as de Ana Seabra, cunha primeira parte difícil de crer na que só puideron anotar dous goles (8-2 ao descanso, 16-12 ao final). A fochanca foi precisa para que o equipo guardés puidera, con todo, atopar algo de consolación: á volta do descanso puido verse unha faciana algo máis positiva do seu xogo, cunha fereza defensiva que freou ao seu rival con éxito e comezando a recuperar unha afinación ofensiva que facía xa varios partidos que non amosaba. Por outra banda, tampouco foi o mellor desempeño para o anfitrión, salvado en grande parte polas aparicións da gardameta Nicole Morales e desinchado nunha segunda metade inferior á do Mecalia en potencia defensiva.
A estes pequenos detalles agarrarase o club da Sangriña este sábado para tratar de recobrar a confianza e buscar a que sería a súa segunda vitoria en seis partidos. O Guardés espera que a competición europea supoña un borrón e conta nova, e aínda que é certo que o marco e os obxectivos cambian, o verdadeiro reto será obter resultados diferentes cando os mesmos problemas persisten no cadro de persoal. As lesións están a pesar e a minguar o número de efectivos de xeito significativo, pois o pasado mércores só se desprazaron 12 xogadoras a Elxe e Cecilia Cacheda soamente saíu á pista para lanzar dende sete metros, de maneira que Ana Seabra tan só contou con tres primeiras liñas para as rotacións.
A situación este sábado, con todo, pode ser algo diferente, pois a central lalinense sumará minutos de xogo por fin e tamén volverá á acción Nerea Gil, quen non puido unirse á viaxe a Alicante malia estar xa recuperada. Seguirá a causar baixa Elena Martínez, á espera de máis probas para concretar o alcance da súa lesión nun xemelgo, e hai dúbidas sobre a participación de Lorena Téllez, polo que pode que a técnica portuguesa conte con algún reforzo da base de última hora.
O Elche, pola súa parte, chega coa confianza de ter táboas nunha competición europea da que xa foi campión (edición 2023/2024). Favorito dun torneo no que tres dos oito equipos vivos son españois -o Costa del Sol Málaga medirase ao Hazena Kynzvart checo pola outra praza da mesma semifinal-, o conxunto ilicitano foi de menos a máis nesta andadura continental, e puido superar con solidez as fases previas de Last 16 (55-43 o global contra o Kobierzyce de Polonia) e a Rolda 3 (44-35 ante o Skopje macedonio), despois dun debut algo máis axustado na Rolda 2 (55-41 fronte ao Dunajská Streda de Eslovaquia). As de Rocamora contan coa vantaxe da experiencia e dunhas filas máis numerosas, polo que tratarase de impoñer o factor cancha para deixar o marcador o máis asumible posible de cara ao encontro de volta, previsto para o sábado 28 ás 19.00 horas no Esperanza Lag.
Ana Seabra: “Imos con confianza e determinación. Malia as limitacións no equipo, esperamos un partido igualado”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, afirma con contundencia que “imos enfrontarnos de novo a Elche con confianza e determinación”, así como tamén moi conscientes do que hai que cambiar. “Temos que mellorar a nosa eficacia e, en xeral, estar máis acertadas”, comeza a técnica, engadindo que, no relativo á defensa “vimos facendo un bo traballo”, aínda que non cabe desatendela xa que “será fundamental prestar a máxima atención aos detalles”.
O deste sábado espérase coma un grande partido de balonmán entre dous vellos rivais. A preparadora do anfitrión confirma que “os nosos dous equipos coñécense moi ben”, e que ambos saberán buscarse as cóxegas, polo que “esperamos un partido igualado e con poucos goles, malia as limitacións no noso equipo”, segundo explica. As baixas son cruciais, pero Seabra confía na capacidade das súas para recompoñerse dos últimos resultados, e conclúe que o obxectivo final está máis que claro: “Somos plenamente conscientes de que se trata dunha eliminatoria a dobre partido, polo que será importante conseguir unha boa vantaxe de cara á volta en Elxe”.
AXENDA
EHF European Cup | Cuartos de final - IDA
Mecalia Atlético Guardés – Atticgo BM Elche
Sábado, 21 de marzo | 19.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmitido en directo pola Televisión de Galicia:
EHF European Cup | Cuartos de final – VOLTA
Atticgo BM Elche – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 28 de marzo | 19.00 horas | Pavillón Esperanza Lag (Elxe)
Retransmitido en directo pola Televisión de Galicia:
https://www.agalega.gal/

Ningún comentario:
Publicar un comentario