30 de mar. de 2026

A GUARDA

O PSOE da Guarda celebra a aprobación da súa moción en apoio ao sector pesqueiro 

 E reclama á Xunta de Galicia que actúe


Integrantes do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello da Guarda
Foto: G.M.S.

Infogauda / A Guarda

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda amosa a súa satisfacción pola aprobación, no último pleno, da súa moción presentada en apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro local, que acadou o respaldo unánime da corporación.  

 Desde o PSOE destacan que esta iniciativa nace do contacto directo coa Confraría de Pescadores Santa Tecla, que en febreiro lles trasladou a situación de enorme dificultade que atravesa o sector como consecuencia da sucesión de temporais e das limitacións normativas actuais.  

 Tal e como se puxo de manifesto durante o pleno, a frota local apenas puido traballar seis días entre o 1 de xaneiro e o 20 de febreiro, rexistrando perdas moi importantes que afectan directamente á economía de moitas familias da Guarda.  

 A moción aprobada insta á Xunta de Galicia a abrir un espazo de diálogo co sector e a introducir maior flexibilidade na normativa, permitindo adaptar os períodos de descanso á realidade dun porto de mar aberto como o da Guarda, especialmente en contextos nos que as condicións meteorolóxicas impiden a actividade durante longos períodos.  

 “Estamos falando de sentido común: se non poden saír ao mar durante días polo temporal, non ten lóxica que cando as condicións o permiten tampouco poidan facelo por coincidir en fin de semana”, sinala Fátima Rodríguez, portavoz do grupo socialista.  

 Neste sentido, lembran que este tipo de medidas xa se están aplicando noutras comunidades autónomas, como Asturias ou Cantabria, polo que consideran que “non hai escusas para que a Xunta non actúe”.  

 Para o PSOE, a aprobación desta moción supón “un primeiro paso importante” para dar visibilidade á problemática do sector e para que as súas demandas sexan escoitadas no Parlamento de Galicia, onde o Grupo Parlamentario Socialista tamén rexistrou unha proposición non de lei que recolle estas mesmas reivindicacións e que será debatida proximamente.  

 Desde o PSOE local lamentan que durante estes meses especialmente complicados non existise un contacto directo do goberno local coa confraría de pescadores para coñecer de primeira man a súa situación. En todo caso, valoran positivamente o apoio á moción no pleno. “Agora é o momento de que o Partido Popular en Santiago dea tamén un paso adiante e atenda as peticións dun sector que o único que reclama é poder traballar. É unha cuestión de vontade política e de xustiza para o sector”, sinalan desde o partido. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario