9 de mar. de 2026

A GUARDA

O PSOE da Guarda critica que Carrero saque peito dunha reforma da Praza de Abastos moito menos ambiciosa do previsto 

 

Integrantes do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda
Foto: GMS

Infogauda / A Guarda

 A recente reinauguración da Praza de Abastos da Guarda, celebrada a pasada semana, foi utilizada polo alcalde para sacar peito da xestión do seu goberno e presentar a actuación como un gran proxecto propio, afirman desde o Grupo municipal do PSdeG-PSOE de A Guarda.

 Con todo, desde o Grupo Municipal Socialista lembran que a realidade é bastante distinta: o proxecto de mellora da praza foi impulsado no anterior mandato polo goberno socialista e, ademais, o proxecto inicialmente previsto era moito máis ambicioso do que finalmente se executou.  

 Os/as socialistas explican que, no anterior mandato, desde a Concellería de Desenvolvemento Local, dirixida pola actual portavoz municipal socialista, Fátima Rodríguez, impulsouse un proxecto de dinamización e modernización da Praza de Abastos que ía moito máis alá dunha simple reforma estética. Este proxecto foi presentado a unha convocatoria de Fondos Europeos e conseguiu unha subvención de 318.458,40 € para poder executalo.   

 A proposta incluía, ademais da reforma estética, que nin sequera se executou conforme ao proxecto inicial, diferentes actuacións destinadas a modernizar o mercado e mellorar os servizos á clientela. Entre elas atopábanse, por exemplo, a instalación de taquillas refrixeradas para facilitar a recollida de pedidos fóra do horario habitual da praza, a instalación dunha plataforma salvaescaleiras na terraza para acadar a accesibilidade total do mercado, así como outras actuacións orientadas á modernización das instalacións.  

 Ademais, o proxecto tamén contemplaba accións de formación e asesoramento para comerciantes, campañas de promoción e dinamización comercial e ferramentas para mellorar a visibilidade e competitividade dos negocios, medidas das que se poderían ter beneficiado non só os postos da praza senón tamén outros establecementos comerciais da vila.  

Comunicación de renuncia á subvención solicitada polo goberno municipal precedente

 Segundo lembran os/as socialistas, esta subvención permitiría financiar estas actuacións sen ter que empregar fondos procedentes da Deputación de Pontevedra, podendo destinar ese diñeiro a outras obras necesarias no municipio.  

 Porén, un mes despois de recibir a resolución favorable da axuda europea conseguida polos/as socialistas, xa co actual alcalde no goberno, o Concello decidiu renunciar a ela. O alcalde tratou de xustificar esta decisión alegando cuestións orzamentarias.  

 Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que esta explicación non se sostén e lembran que a xestión municipal consiste precisamente en atopar solucións para non perder oportunidades de financiamento como esta. Renunciar a máis de 318.000 euros de fondos europeos xa concedidos non era, en ningún caso, unha opción. Aí quedou demostrada a nula capacidade de xestión deste goberno.   

 “Resulta chamativo que agora se organice unha reinauguración e se pretenda vender como un gran logro unha actuación que, ademais de ter sido impulsada polo anterior goberno socialista, quedou moi lonxe do proxecto inicialmente previsto”, sinalan desde o PSOE da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario