PIRAGÜISMO
IMPRESIONANTE VICTORIA DE MANU OCHOA NA COPA PIRINEUS
Manu Ochoa impúxose na proba individual de caiac cross
Luís Fernández, competíu en C1
Nerea Álvarez, de categoría cadete, competíu en K1 e caiac cros
Informa (fotos e redacción): Rosa Fernández Carrera
Preto de douscentos deportistas de diferentes países participaron esta fin de semana na primeira das competicións da Copa Pirineus, celebrada na Seu D´Urgell. Esta competición cobra cada vez máis importancia porque puntúa para o ranking do mundo da categoría, que será fundamental á hora de determinar as prazas olímpicas de cada país.
Do Deportivo Miño-Teixugos participaron Nerea Álvarez, Luís Fernández e Manuel Ochoa.
O sábado tivo lugar a competición de slálom e o domingo a de caiac cross. Destacar que neste tipo de competicións só hai categoría absoluta.
Manu Ochoa non tivo sorte o sábado co slálom. En K1, nas semifinais dúas penalizacións por saltarse portas, deixárono fóra da final A. Na final de consolación de novo penalizárono, rematando sesaxésimo sexto. No domingo, en caiac cross, desfíxose do mal fado do sábado dominando por completo a proba. O de Tomiño, impúxose na proba individual cun tempo de 47,72 segundos. Na fase de enfrontamentos, gañou tódalas roldas dende oitavos ata a final, mostrando un dominio absoluto da modalidade.
Luís Fernández, en C1, fixo unhas moi boas semifinais, entrando na final A co sétimo mellor tempo. Xa na final, varias penalizacións, deixárono fóra das medallas, rematando décimo segundo.
Nerea Álvarez, de categoría cadete, mediuse as forzas coas mellores do panorama internacional de K1, e tanto a súa xuventude como a falta de adestramento en canles de augas bravas, non a favoreceron. Deu rematado o seu percorrido nas semifinais, acabando vixésimo sétima. O domingo tamén se atreveu co caiac cross rematando trixésimo sexta.
A Copa Pirineus consta de dúas competicións, a primeira na Seu D´urgell e a segunda na canle francesa de Pau, a celebrar a vindeira semana. Ámbalas dúas probas puntúan para ranking da Federación Internacional de Piragüismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario