30 de mar. de 2026

CULTURA

A XUNTA DE GALICIA LEVA A NOVA YORK A ICÓNICA MOSTRA ‘A DISTANCIA QUE NOS UNE’ DO ESCULTOR GALEGO MANOLO PAZ 

 A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e Turismo de Galicia financian esta actuación achegando 180.000 euros

  

Vista parcial do conxuntoMenhires pola Paz`, do escultor Manolo Paz, ubicados na antiga Agra das Pradeiras, na cidade da Coruña

Foto: Infogauda

Infogauda / Galicia

 O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Turismo de Galicia e a Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo para a expoñer a mostra ‘A distancia que nos une’ en Nova York. A Xunta de Galicia financiará esta acción con 180.000 euros, que serán achegados a partes iguais pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e Turismo de Galicia. O custe total da actuación ascende a 255.394,35 euros. 

 Manolo Paz é un dos escultores máis singulares da escena artística. A exposición que presentará en Nova York inclúe dez das súas esculturas máis icónicas e rende homenaxe ao mesmo tempo aos anos formativos do artista vivindo e traballando na cidade. En Park Avenue expoñerá a súa peza de pedra ‘Catedrais’, unha escultura elaborada en pedra cuarcita, que vincula simbolicamente cos rañaceos de Nova York, a miúdo considerados as catedrais contemporáneas da era actual. 

 Xunto a estas, exhibiranse catro das súas esculturas metálicas: unha versión vermella de ‘Transparencias’ e tres esculturas da súa serie NASA en branco, azul e vermello, facendo referencia á bandeira dos Estados Unidos. Estas esculturas son complexos crebacabezas tridimensionais dunha malla metálica, unha estrutura que evoca o trazado en cuadrícula das rúas e edificios de Nova York. 

 A obra de Manolo Paz busca transformar a materia inerte en obras de arte, traballando con materiais industriais como o formigón ou o metal, alternando o seu protagonismo na súa produción con elementos naturais como o granito ou a madeira. 

 As súas obras forman parte das paisaxes urbanas de Galicia, Xapón, Bruxelas ou Stuttgart. Na comunidade galega, a súa obra ‘Familia de Menhires’ ou Menhires pola Paz`,’lucen fronte á Torre de Hércules, na Coruña. Ten exposto en cidades como Santiago de Compostela, Madrid ou Málaga. As súas esculturas forman parte de coleccións como AENA, o Centro Galego de Arte Contemporánea, ou a Fundación Pilar e Joan Miró en Palma de Mallorca. A exposición que agora se instalará en Nova York xa se puido contemplar nun dos paseos máis emblemáticos de Madrid, o eixo formado polo Paseo do Prado e o Paseo de Recoletos, ocupando espazos como a Praza de Cibeles ou os xardíns do Museo Thyssen-Bornemisza, con motivo da designación da área coñecida como “Paisaxe da Luz” como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. 

 Deste xeito, o Goberno galego impulsa actividades de promoción e divulgación do patrimonio e da cultura galega programando actuacións de recuperación da cultura galega e que tamén contribúan á promoción turística de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario