9 de mar. de 2026

CULTURA

Rafa Domínguez visita no Museo Reina Sofía e na Residencia de Estudiantes de Madrid dúas exposicións para as que cedeu obras o Museo de Pontevedra 

  As visitas tiveron lugar no contexto da presentación en ARCOmadrid da nova Bienal de Artes Vivas de Pontevedra


Domínguez estivo acompañado nas visitas da directora do Museo, Ángeles Tilve. No Reina Sofía, a comisaria da mostra dedicada a Maruja Mallo, Patricia Molins, presentoulles a exposición, na que ocupa un lugar relevante ‘Cabeza de muller negra’

Foto: D.PO.

Infogauda / Madrid

 No contexto da visita a ARCOmadrid para presentar primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, visitou este sábado dúas das exposicións máis destacadas do ano, para as que o Museo de Pontevedra cedeu importantes obras: “Maruja Mallo. Máscara y compás” no Museo Reina Sofía e “Intolerancia. España en una Europa convulsa, 1914-1945”, na Residencia de Estudiantes.  

 Domínguez estivo acompañado nas visitas da directora do Museo, Ángeles Tilve. No Reina Sofía, a comisaria da mostra dedicada a Maruja Mallo, Patricia Molins, presentoulles a exposición, na que ocupa un lugar relevante ‘Cabeza de muller negra’, óleo de 1946 da súa serie de retratos bidimensionais, unha das pezas máis emblemáticas da colección do Museo de Pontevedra, que volverá ao Edificio Castelao este mes. No mesmo Museo Reina Sofía, Domínguez visitou a nova exposición coa que o museo conta a historia da arte dos últimos cincuenta anos en España e na que hai unha ampla representación de artistas galegos e da provincia de Pontevedra, como Menchu Lamas, Antón Patiño ou Antón Reixa.  

 O vicepresidente tamén visitou a Residencia de Estudiantes, o proxecto herdeiro das ideas renovadoras de Francisco Giner de los Ríos inevitablemente ligado a algunhas das figuras máis relevantes da cultura española do século XX que alí coincidiron, como Federico García Lorca, Luis Buñuel e Salvador Dalí. Na Residencia de Estudiantes está aberta actualmente a exposición “Intolerancia. España en una Europa convulsa, 1914-1945”, que foi presentada a Domínguez e Tilve polo seu comisario, Miguel Ángel Martorell. Nela exhíbense tres debuxos de Uxío Souto sobre o exilio republicano a Francia ao final da guerra civil a través dos Pirineos, ademais do icónico debuxo de Castelao “A derradeira lección do mestre”, que forma parte do álbum “Galicia mártir” e que posteriormente o propio autor reproduciu no óleo que se conserva en Bos Aires e que este verán se exhibirá no Museo de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario