30 de mar. de 2026

A GUARDA

O PSOE da Guarda acusa a Carrero de gobernar “a golpe de improvisación” tras dous intentos fallidos de traslado do punto limpo 




Infogauda / A Guarda 

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda acusa ao alcalde, Roberto A. Carrero, de gobernar “sen rumbo, sen planificación e a golpe de improvisación” despois de confirmar nunha reunión cos veciños/as da zona a paralización do traslado do punto limpo á rúa Maceiras, o segundo intento fallido nun asunto importante para o municipio.  

 Desde o PSOE lembran que esta situación non é puntual, senón a consecuencia directa dunha forma de gobernar baseada en anunciar proxectos sen ter resoltos nin os aspectos máis básicos. “Primeiro pretenderon instalalo na zona da Gándara, cun proxecto inviable que incluso afectaba a terreos doutro concello. Logo na rúa Maceiras, onde xa investiron case 40.000€ de diñeiro público na compra das parcelas que, a día de hoxe, non teñen utilidade algunha. Canto nos vai custar a falta de planificación deste goberno?”, denuncia a súa portavoz municipal Fátima Rodríguez.  

 Os/as socialistas denuncian que o goberno local actuou de novo sen rigor técnico nin análise previa, escollendo unha segunda localización que carecía de servizos, que requiría complexos trámites urbanísticos e que, ademais, prexudicaba directamente á veciñanza da zona, tanto polo impacto ambiental como pola perda de valor das súas propiedades.  

 Pero, ademais, advirten dun problema de fondo: a falta absoluta de visión de futuro. “Estamos falando dunha zona próxima a unha franxa onde se poderían construír vivendas unifamiliares, algo do que A Guarda vai moi xusta. Se a veciñanza non se mobilizara Carrero tería hipotecado solo dispoñible para construír, por mor das súas decisións tomadas á lixeira”, sinalan.  

 Para o Grupo Socialista, o máis grave é que esta cadea de erros ten consecuencias directas para as arcas municipais. “Aquí xa se gastou diñeiro en proxectos que non serven e en terreos que non se van utilizar. E agora, haberá que volver gastar máis para buscar unha terceira ubicación. Isto non é serio nin responsable”.  

 A pesar das críticas, desde o PSOE valoran que o goberno local rectificase e paralizase o proxecto na rúa Maceiras tras a presión veciñal, pero deixan claro que “non se pode gobernar a base de erros e rectificacións continuas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario