BALONMÁN FEMININO
O Guardés repite duelo español e medirase ao Málaga en semifinais da EHF European Cup
• O equipo baixomiñoto volverá atoparse a un compatriota en semifinais da EHF European Cup: o Costa do Sol Málaga, que vén de golear ao Hazena Kynzvart checo en cuartos (56-38 o global)
• A eliminatoria, con horarios por confirmar, comezará en Málaga a fin de semana do 18 de abril, co duelo decisivo na Sangriña o 25, momento que coincide co inicio da eliminatoria polo título ligueiro
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés xa coñece o seu rival para semifinais da EHF European Cup, nas que volverá atoparse cun vello coñecido. As de Ana Seabra protagonizarán de novo o único duelo entre compatriotas da competición, pois os resultados de cuartos de final reuníronos co Costa do Sol Málaga, o outro equipo español que quedaba vivo no torneo continental. As semifinais xogaranse nun momento delicado do calendario, coincidindo co comezo da eliminatoria polo título ligueiro: a ida será o 18-19 de abril en Málaga e a volta, o 25-26 na Sangriña. O gañador pasará a unha final europea histórica para ambos os clubs.
Tras a fazaña consumada nos cuartos de final, que superou o pasado sábado sobre a bucina ante o Atticgo BM Elxe, o Guardés ten ganas de seguir avanzando na competición e soña xa ao grande. Coas semifinais ao alcance da man, o equipo da Sangriña sente preto a posibilidade de xogar a que sería a segunda final europea da súa historia, e esa ilusión por seguir escribindo capítulos no palmarés do Club será o que o mova á hora de enfrontarse a outro vello coñecido.
A composición do cadro e os resultados desta última eliminatoria quixeron que o próximo rival das de Ana Seabra sexa, de novo, un compatriota, que tamén presume dunha andaina envexable na competición: o Costa do Sol Málaga, que vén de golear sen problemas ao Hazena Kynzvart checo (56-38 o global). O conxunto andaluz xogou ambos os encontros de cuartos de final como anfitrión en Carranque, polo que o factor cancha foi importante para o resultado, aínda que o nivel dos equipos españois sempre sobresae no torneo. Non en balde, as de Suso Gallardo buscarán a que sería a súa terceira final na EHF European Cup, despois de facerse coa coroa pola mínima ante o Zagreb en 2021 e de quedarse ás portas do título ao ano seguinte.
Mentres que o ano pasado as andaluzas non pasaron da fase de grupos na EHF European League, competición de rango superior, este curso ven na copa europea unha oportunidade máis accesible, aínda que para iso deban enfrontarse a un derbi español que promete ser axustado. Polo momento, e incluíndo a estes cuartos de final, o Málaga superou sen demasiadas dificultades todas as fases do torneo esta tempada desde a Rolda 2, goleando primeiro ao Dudelange de Luxemburgo (25-79 global) e ao Haukar islandés despois (37-63); para atopar algo máis de resistencia nos Last 16 ante o ZORK Bor serbio (46-38).
O seu percorrido foi relativamente sinxelo, polo que o próximo 18 de abril sairá á súa cancha tratando de deixar atadas unhas semifinais que se decidirán en última instancia na Sangriña, previsiblemente o sábado 25. O Guardés, vello coñecido, mostrouse máis que capaz de superalas nos seus últimos encontros, alén de contar nesta ocasión co apoio dun Inferno que estará cheo ata a bandeira no partido decisivo da eliminatoria. A clave do duelo: o momento do calendario no que chega, pois a mesma fin de semana do encontro de ida está previsto o comezo da eliminatoria polo título ligueiro, polo que serán semanas cunha gran concentración de citas e viaxes nas que o cansazo e as súas consecuencias poden decidilo todo.
Bursa e Michalovce, protagonistas da outra semifinal
A outra semifinal da competición reunirá ao Bursa Büyüksheir BSK turco, gañador dos seus cuartos de final contra o AC Paok grego in extremis (36-30 ida, 29-34 volta; 65-64 global), contra o MSK IUVENTA Michalovce de Eslovaquia, que chega de superar sen problemas ao Cabooter Fortes Veno de Países Baixos (23-31 ida, 24-29 volta; 47-60 global). As turcas chegan pisando forte na súa primeira participación no torneo, mentres que as eslovacas buscan levantar por fin a súa primeira Cup despois de conformarse coa prata na final 2023/2024, que gañou o Elxe. A ida xogarase no país mediterráneo, mentres que a volta será en Michalovce nas mesmas datas.
Ana Seabra: “Queremos crer que todo pode ser posible nestas semifinais. Vai ser un mes moi duro pola carga física”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, indicou que xa prevían esta posibilidade, dado o folgado da primeira vitoria do seu rival na ida de cuartos: “Xa sabiamos que, se superabamos esta proba contra Elxe, Málaga sería o noso rival”, explica. A técnica espera un duelo moi equilibrado, tal como o que disputaron contra o equipo ilicitano nas dúas ocasións, razón pola que “queremos crer que todo pode ser posible nestas semifinais”.
Seabra recalca a importancia do momento do calendario en que chega este novo reto, pois abril “vai ser moi duro dada a carga física que terán ambos os equipos”, solapándose esta eliminatoria europea con outros duelos importantes no marco da liga. A clave, coincide, será a xestión da quilometraxe do persoal: “Creo que quen chegue en mellores condicións á eliminatoria terá moitas posibilidades de pasar á final”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario