11 de mar. de 2026

A CAÑIZA

Infraestruturas  

Abel Losada anuncia que o Goberno de España investirá outro millón de euros na conservación da A-52 para corrixir os danos dos temporais  

O subdelegado visita A Cañiza co alcalde, Luis Piña, e anuncia a reparación dos tramos deteriorados polas choivas nos concellos de Mos, As Neves, Ponteareas, O Porriño, Salvaterra e A Cañiza 

O Goberno de España mobiliza 12 millóns de euros para obras de emerxencia nas estradas nacionais co obxectivo de reparar os efectos do tren de borrascas  


Abel Losada - acompañado polo alcalde cañicense, Luis Piña -, supervisou hoxe as obras de asfaltado da A-52 ao seu paso por A Cañiza, incluídas no Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia

Foto: S. do G.

Infogauda / A Cañiza 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou a execución de obras de emerxencia en ata 40 tramos da rede de estradas nacionais da provincia de Pontevedra para reparar os efectos do tren de borrascas deste inverno, cun especial impacto nas autovías do Sur da provincia. “Nunca antes un Goberno de España tiña reaccionado cun plan desta magnitude para reparar os efectos da meteoroloxía no asfalto”, indicou.  

 Abel Losada supervisou hoxe as obras de asfaltado da A-52 ao seu paso por A Cañiza, incluídas no Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia. Acompañado polo alcalde cañicense, Luis Piña, Losada subliñou o dato de que a provincia de Pontevedra absorbe ata 12 millóns do global de 38 millóns destinados a reparar os tramos máis afectados polos temporais en Galicia.  

 O subdelegado agradeceu a rapidez do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, cunha “resposta inmediata” para rehabilitar as estradas pontevedresas e recalcou que hai actuacións previstas en todas elas. Engadiu que trátase dun plan extraordinario, dunha inxección adicional de 12 millóns de euros para as estradas da provincia que se suma ao Plan Especial de Reparación e Conservación, o que garante un salto cualitativo para a recuperación do bo estado das estradas nacionais, tralo dano acumulado polo abandono durante a etapa de Goberno de Mariano Rajoy, cando se alcanzaron cifras mínimas de investimento na serie histórica.  

Actuacións continuas na A-52, A-55 e VG-20  

 Abel Losada explicou que na A-52 se están a executar obras de emerxencia para a rehabilitación do firme por un valor de case un millón de euros para solucionar os problemas detectados entre os PQ 281+200 (Mos) e o PQ 305+700 (A Cañiza). As obras abranguerán, deste xeito, os concellos de Mos, Salvaterra, O Porriño, As Neves e A Cañiza.  

 Abel Losada recalcou a mellora continua nas autovías do Sur da provincia dende que Pedro Sánchez é presidente de Goberno, “pois atopábanse nun evidente estado de abandono tralos 7 anos de política de cero investimento durante o Goberno de Mariano Rajoy e Ana Pastor”. Así, recordou que nos dous últimos anos o investimento nas autovías do Sur da provincia está a ser moi importante, pois o verán pasado xa se dedicaron 10 millóns de euros a pavimentacións na A-52, a A-55 e a VG-20, circunvalación de Vigo.  

Axudas para estradas municipais  

 Á parte desta aposta de emerxencia para reparar as estradas estatais tralos últimos temporais, lembrou o subdelegado, o Goberno de España declarou Galicia como Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil debido ás borrascas, polo que concede axudas extraordinarias para a reparación de infraestruturas municipais. Esta declaración vai permitir que moitos concellos da provincia obteñan fondos para pavimentar estradas de titularidade municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario