10 de feb. de 2026

TOMIÑO

Boas prácticas e recomendacións sobre tecnoloxía para acompañar na difícil tarefa de educar  

   A XI Semana da Educación de Tomiño arrancou coa charla da pedagoga María Couso nun auditorio de Goián ateigado  

   Este martes cita ás 19.00 horas co psiquiatra Enric Armengou. Entrada de balde  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, na presentación da pedagoga e divulgadora María Couso, creadora do proxecto Play & Fun Learning, que foi a encargada de inaugurar o ciclo 
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 As pantallas están en todas partes, pero o verdadeiro reto non é apagalas, senón aprender a convivir con elas de xeito responsable e con toda a información na man. Con esta reflexión clara e directa arrancou en Tomiño a XI Semana da Educación, unha cita xa consolidada que volveu encher o auditorio de Goián para falar, sen alarmismos pero con rigor, sobre un dos grandes desafíos educativos actuais: o impacto da tecnoloxía no desenvolvemento cognitivo da infancia e da adolescencia. 

 A pedagoga e divulgadora María Couso, creadora do proxecto Play & Fun Learning, foi a encargada de inaugurar o ciclo coa conferencia “Impacto da tecnoloxía no desenvolvemento cognitivo da infancia e da adolescencia”, na que desmontou mitos moi estendidos e deixou unha mensaxe clara: o problema non son as pantallas como ferramenta, senón cando e como accedemos a elas. 

 Ao longo da súa intervención, Couso explicou de maneira accesible e amena como funciona o cerebro infantil e adolescente, poñendo o foco no papel da dopamina, o sistema de recompensa e o desenvolvemento incompleto ata ben entrada a idade adulta do lóbulo prefrontal, clave no control dos impulsos. Alertou de que as consecuencias do uso excesivo das pantallas “non son inmediatas, senón que aparecen en cascada a medio e longo prazo”, afectando á atención, ao sono, á linguaxe, á motricidade, á tolerancia á frustración e á saúde mental. 

 Tamén abordou fenómenos cada vez máis frecuentes como a nomofobia, o FOMO ou a dependencia das redes sociais, especialmente entre a mocidade, e puxo datos enriba da mesa: consumos diarios de varias horas, uso intensivo de videoxogos e redes, e un incremento preocupante dos problemas emocionais, especialmente en nenas e adolescentes. Fronte a isto, Couso presentou un decálogo de boas prácticas e recomendacións claras para acompañar a. familias e educadores na difícil tarefa de educar, apostando por retrasar a introdución das pantallas, evitar o seu uso como “chupete emocional” ou crear zonas libres de tecnoloxía. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia de manter no tempo este espazo de reflexión compartida. “Levar once anos organizando a Semana da Educación non é casualidade, é unha aposta firme por crear espazos de encontro nos que familias, profesorado e veciñanza poidan informarse, reflexionar e tomar decisións máis conscientes”. A rexedora subliñou que “educar hoxe é máis complexo ca nunca, e por iso desde o Concello queremos acompañar ese proceso achegando coñecemento rigoroso e ferramentas útiles”. 

 A Semana da Educación de Tomiño consolídase así como un referente no ámbito educativo, ofrecendo cada ano conferencias de alto nivel que abordan cuestións reais e actuais relacionadas co benestar emocional e a saúde mental da infancia e da adolescencia. Un espazo para escoitar, aprender e lembrar que educar non é só ensinar contidos, senón tamén axudar a medrar con criterio, equilibrio e humanidade.  

 A seguinte cita será este martes 10 ás 19.00 h con Enric Armengou, psiquiatra e asesor do Ministerio de Sanidade, nunha charla clave para rachar co silencio arredor das condutas autolesivas e do suicidio na infancia e na adolescencia. No auditorio de Goián con entrada libre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario