27 de feb. de 2026

OIA

O PSOE de Oia leva á Valedora do Pobo o cobro indebido do IBI a parcelas afectadas polo deslinde marítimo-terrestre 


José Antonio Olmedo Granja, portavoz do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia


Agrupación Local do PSdeG-PSOE / Oia

 O PSOE de Oia vén de presentar unha queixa formal ante a Valedora do Pobo contra o Concello de Oia polo que considera un cobro inxusto do Imposto de Bens Inmobles (IBI) a propietarios de parcelas afectadas pola servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre. 

 Segundo consta na queixa rexistrada o 26 de febreiro de 2026, estanse a cobrar como solo urbano parcelas que, tras o deslinde aprobado polo Ministerio de Medio Ambiente, deberían ter a consideración de solo rústico de protección de costas. 

 Estas parcelas continúan pagando un IBI valorado como urbano, cunha taxación aproximada de 60 euros por metro cadrado, cando en realidade perderon capacidade edificatoria ao quedar dentro da servidume de protección. 

Un acordo plenario rexeitado polos votos do PP 

 O pasado 19 de decembro de 2025 celebrouse un pleno extraordinario no Concello de Oia para abordar esta situación. Nel propúxose: 

A retirada do padrón de urbana das parcelas afectadas. 

O traslado do acordo ao Catastro para a súa inmediata revisión. 

A devolución das anualidades cobradas indebidamente. 

A incorporación de informes técnicos e xurídicos sobre a legalidade da situación. 

 Tal e como certifica a Secretaría municipal, a proposta foi rexeitada cos votos en contra dos 6 concelleiros do PP e cos 2 votos a favor do PSOE. 

 Para o PSOE de Oia, esta negativa supón manter unha situación de clara falta de corresponsabilidade administrativa, obrigando a veciños e veciñas a pagar por unha cualificación urbanística que xa non se corresponde coa realidade xurídica nin territorial das súas propiedades. 

Solicitude de intervención da Valedora do Pobo 

 Ante a falta de vontade política do goberno local para corrixir esta situación, o PSOE solicitou á Valedora do Pobo un informe amplo e detallado sobre: 

A correcta tipoloxía do solo nas parcelas afectadas. 

A legalidade de manter a súa consideración como urbanas. 

A posible devolución de cantidades cobradas de forma indebida. 

 O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Oia considera que non se pode falar de xustiza fiscal mentres se manteñen situacións nas que os veciños pagan impostos urbanos por terreos que xa non teñen esa condición. 

Compromiso coa defensa dos veciños 

 O PSOE de Oia reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza e coa aplicación rigorosa do principio básico de equidade: cada quen debe pagar polo que realmente ten, non por unha clasificación que xa non se sostén legalmente

 Seguiremos informando sobre os avances desta reclamación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario