9 de feb. de 2026

O ROSAL

Nova entrega de composteiros para dar pulo á compostaxe doméstica no Rosal   

  Sesión informativa este xoves, 12 de febreiro, ás 20.00 h na Sala de Exposicións do Concello

  


Infogauda / O Rosal

 Converter o lixo orgánico nun recurso útil xa dende a casa. Con este obxectivo, o Concello do Rosal continúa impulsando a súa campaña de compostaxe doméstica cunha nova sesión informativa e entrega de material, reforzando o compromiso municipal cun modelo de xestión de residuos máis sostible, responsable e de proximidade.  

 O encontro terá lugar o vindeiro xoves, 12 de febreiro, ás 20.00 horas na Sala de Exposicións do Concello e está aberta tanto ás persoas que levan tempo co seu composteiro ou que acaban de adquirilo como a aquelas que queren incorporalo ao seu fogar ou que queren ter información sobre a compostaxe. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e destaca que “a compostaxe é un pequeno xesto individual que ten un enorme impacto colectivo. Participar nesta campaña é apostar por un Rosal máis limpo, máis consciente e máis comprometido co futuro”.  

 A rexedora subliña tamén que “cada novo fogar que se incorpora á compostaxe doméstica é un paso máis cara a reducir residuos, aproveitar recursos e avanzar nun cambio de hábitos necesario”, polo que convidou “a todas as persoas interesadas, teñan ou non experiencia previa, a achegarse a esta sesión”. Con esta nova edición, continúa ampliándose a rede de fogares galegos comprometidos coa compostaxe doméstica, unha práctica que permite reducir os residuos orgánicos e transformar o lixo en abono natural de alta calidade. Nas sesións explícanse os principios básicos da compostaxe e entrégase de balde un composteiro.  

 As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web. Tamén poden contactar a través do correo electrónico info@ocaminosostible.gal  ou do teléfono 647 521 464

 Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario