O BNG denuncia a “insuficiente e inxusta” atención educativa domiciliaria dun estudante con necesidades especiais do Rosal
• Cristina Fernández Davila criticou a situación do estudante de 14 anos, que recibe só 5 horas semanais de clase no seu domicilio malia a recomendación da Valedora do Pobo de que non existe límite normativo e debe aplicarse un programa individualizado
Infogauda / O Rosal
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, exixiu á Consellería a ampliación do horario de atención educativa deste estudante, o respecto á súa matrícula no centro ordinario do Rosal, e un compromiso firme coa inclusión real do alumnado con necesidades educativas especiais, que non pode limitarse “a un dato estatístico do 94% de alumnado en centros ordinarios sen valorar se está debidamente atendido”.
Davila levou hoxe á Comisión 4ª de Educación do Parlamento a situación dun estudante de 14 anos veciño do Rosal diagnosticado de leucodistrofia Pelizaeus–Merzbacher, unha enfermidade rara que lle impide asistir ao centro educativo e que recibe atención domiciliaria presencial de apenas 5 horas semanais, un tempo “totalmente insuficiente” para garantir o seu dereito á educación en igualdade de condicións. Fernández Davila advertiu de que “non é un caso puntual”, senón que representa a “moitos nenos, nenas e adolescentes de Galiza que están nunha situación similar e que carecen dos apoios e reforzos que precisan”.
A deputada nacionalista explicou que a familia deste mozo leva anos demandando unha atención especializada axeitada ante a Dirección Territorial, a Consellería de Educación e a propia Valedora do Pobo, e denunciou que, lonxe de atender estas solicitudes, o que houbo por parte da Administración foi “un intento de presionar os proxenitores a mudar a matrícula do fillo cara o CEE San Xerome Emiliani, da Guarda”, un cambio que a familia rexeitou desde o principio por non consideralo positivo para a súa evolución académica e persoal. Neste sentido, Fernández Davila lembrou que este rapaz acadou un “avance escolar moi positivo” durante a súa escolarización en primaria, ata o punto de ser premiado pola Consellería de Educación a través dos premios ao esforzo e superación persoal, e que o propio Concello do Rosal xa realizou as obras de accesibilidade necesarias para que poida incorporarse ao CPI Manuel Suárez Marquier cando a súa recuperación o permita.
Davila fixo fincapé na “inxustiza” que supón aplicar a este alumno unha limitación horaria de 5 horas semanais baseada nunha resolución da Consellería do 30 de novembro de 2020, “emitida en plena pandemia e con carácter temporal”, cando a propia Valedora do Pobo, tras a reclamación presentada pola nai, emitiu unha recomendación clara na que subliña que “en ningún caso a normativa limita a atención educativa domiciliaria a 5 horas semanais”, e que esta debe ser obxecto “dun programa individualizado, personalizado e adaptado ás circunstancias de cada estudante”. A deputada reprochou ao Goberno do PP que “se escude” nunha disposición pensada para un contexto excepcional co único obxectivo de “non dotar de máis recursos a este alumnado convalecente”, e denunciou que na área hospitalaria de Vigo se pasou “de ter 10 docentes para atención domiciliaria a tan só 2”.
“A inclusión real é aquela que oferta a atención personalizada que cada alumno ou alumna precisa, tendo en conta a súa traxectoria educativa, as súas capacidades e os informes médicos e do departamento de orientación”, concluíu.
%20(1).jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario