12 de feb. de 2026

CULTURA

Brais González Durán, novo director da Banda de Música Mougás / Baiona

 

Brais González Durán

Banda de Música Mougás / Baiona

 Dámoslle a benvida ao noso novo director: Brais González Durán 

 É unha enorme satisfacción presentarvos a Brais González Durán, que se incorpora como novo director, achegando ilusión, talento e unha sólida formación musical. 

 A súa historia coa música comezou moi cedo: con oito anos iniciou a súa formación, e aos once entrou a formar parte da Unión Musical de Mougás e da Banda Municipal de Baiona, baixo a dirección do noso antigo director Gabriel Rodríguez Rodríguez. Desde entón, a música e a banda forman parte inseparable da súa vida. 

 Brais é natural de Mougás, profundamente arraigado á tradición musical do noso pobo. Toda a súa familia forma parte da Unión Musical de Mougás, e este mesmo ano o seu avó cumpre 69 anos na banda, un exemplo vivo de dedicación e continuidade xeracional. 

 A súa carreira musical divídese en dúas etapas clave: realizou o Grao Profesional no Conservatorio de Vigo e completou o Grao Superior no Conservatorio de Asturias, na especialidade de trompeta. Ademais, conta cunha ampla experiencia docente e interpretativa, formando parte da Banda de Música Cidade de Oviedo e da Orquestra Oviedo Filarmonía (OFIL) como reforzo de trompeta e corneta. 

 Desde fai anos, compaxina a súa actividade artística coa docencia en linguaxe musical e vento metal, impartindo clases tanto en Galicia como en Asturias. Ademais, xa realizou formación especializada en dirección, o que lle permite afrontar este novo reto cunha combinación perfecta de xuventude, ganas, compromiso e unha forte implicación coa banda. 

 Comezamos así unha etapa de cambios, novidades e ilusión compartida, mantendo vivas as nosas raíces e mirando ao futuro. 

 Benvido, Brais. É un orgullo iniciar este novo camiño contigo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario