13 de feb. de 2026

TOMIÑO

Innovación punteira para revolucionar a xestión da rede municipal de auga en Tomiño  

O Concello investiu máis de 93.000€ en dous anos na instalación de contadores intelixentes en vivendas para reducir fugas e optimizar o consumo cofinanciados por Augas de Galicia e fondos propios  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez e o concelleiro da Estratexia Municipal do Ciclo da Auga, Lois Vázquez Calvo, nunha visita a unha das traídas de auga dotada de contadores intelixentes de telelectura
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Cada pinga conta cando se trata de garantir un futuro máis sostible. O Concello de Tomiño deu un novo paso no seu compromiso coa xestión eficiente dos recursos cun plan de actuacións para mellorar o rendemento da rede municipal de abastecemento de auga a través do que se implementaron 548 contadores intelixentes de telelectura tanto en vivendas privadas como en edificios e instalacións municipais.  

 O resultado foi inmediato: pasouse do 80 a máis do 90% de rendemento da rede de abastecemento de auga, unha cifra que sitúa ao municipio en niveis de alta eficiencia. Na actualidade están operativos 548 contadores, o que representa o 78% do parque municipal. Para acadalo, o Concello investiu máis de 93.000 euros nos últimos dous anos cofinanciados con fondos propios e por Augas de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneratioEU.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliña que a finalidade destas actuacións é clara. “Queremos reducir o máximo posible as fugas de auga e facer de Tomiño un concello de referencia en eficiencia hídrica e control do consumo. E neste caso apostar pola tecnoloxía é apostar por unha xestión responsable dos recursos e pola mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”, destaca. 

 Ademais das vivendas privadas, todos os inmobles de titularidade ou uso municipal tamén dispoñen xa de contadores intelixentes e se instalaron dispositivos en 5 hidrantes e 13 bocas de rego. Estes novos contadores incorporan un sistema de comunicación integrada que envía os datos directamente ao centro de control, permitindo un seguimento continuo e preciso e a detección inmediata de posibles anomalías na rede. 

 Os veciños e veciñas que teñan instalados estes contadores intelixentes están exentos do pagamento pola lectura e dispoñen dunha aplicación móbil para consultar de forma instantánea os seus consumos e información detallada en tempo real e recibir avisos de incidencias e alertas automáticas e personalizables, o que implica unha maior concienciación e o fomento do uso responsable da auga. 

 Pola súa banda, para o servizo municipal de augas as novas instalacións permiten a monitorización en tempo real da rede, a facturación precisa baseada en datos reais, a redución de perdas no sistema e unha xestión eficiente da rede de abastecemento. 

 Con esta actuación, Tomiño dá un novo paso na modernización da súa rede e consolida a súa aposta por un modelo de xestión sostible e innovador. Como sinala a alcaldesa, “seguimos traballando para ser referentes na eficiencia e no control do consumo da auga, porque coidar dos nosos recursos é tamén coidar do futuro da nosa vila”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario