As obras da rúa Rosalía de Castro buscan a mellora seguridade peonil e de usuarios da Alameda
• Instalaranse zonas de sombra e verdes, así como a renovación do saneamento e canalización
Infogauda / A Guarda
Logo de haberse iniciado as obras de peonalización da rúa Rosalía de Castro, no contorno da Alameda da Guarda, o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, resalta que a devandita actuación busca “mellorar a seguridade de nenos e nenas, para que todos e todas podamos desfrutar con seguridade dun dos principais espazos de esparcimento da Guarda”.
Segundo indicou o rexedor “coa execución dese proxecto preténdese tamén mellorar a accesibilidade e seguridade dun tramo que concentra a diario moita actividade peonil: é itinerario para unir o núcleo urbano con servizos como o Centro de Saúde, Centro Cultural, centros escolares ou piscina.
Instalaranse zonas de sombra e zonas verdes, así como bancos e xardineiras, apostando por un espazo para as persoas. A renovación tamén se realizará no sistema de saneamento e canalización, así como dos elementos de drenaxe e iluminación”.
Esta actuación ten un orzamento de 375.000€ e será financiada a través do Convenio Interadministrativo entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello da Guarda para a execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino da Guarda, no Marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NEXTGENERATIONEU.

Ningún comentario:
Publicar un comentario