28 de xan. de 2026

TUI

O PORTAVOZ DO PARTIDO POPULAR DE TUI, NICO MONTES, PRESENTA UN RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO CONTRA A ORDENANZA DE VIDEOVIXILANCIA DO TRÁFICO

O portavoz, Nico Montes, indica que no seu recurso, solicita ó órgano xudicial que acorde a suspensión da entrada en vigor da ordenanza durante a tramitación do procedemento xudicial. 

O voceiro popular explica que actúa “por compromiso” cos veciños e comerciantes ante unha iniciativa que “supón un despilfarro, non vai mellorar a situación do estacionamento e atenta contra a privacidade”  


Nico Montes, portavoz municipal do Partido Popular no Concello de Tui


Infogauda / Tui

 O Partido Popular de Tui vén de presentar un recurso contencioso-administrativo contra a ordenanza municipal que regula o control do estacionamento mediante cámaras de videovixilancia, ao considerar que se trata dunha medida innecesaria, custosa e lesiva para os dereitos da veciñanza. 

 A ordenanza foi aprobada en pleno aproveitando a ausencia dun concelleiro, unha circunstancia que permitiu ao goberno socialista sacar adiante unha norma moi contestada socialmente e que, segundo o PP, non resolve o problema real do aparcamento en Tui. 

 Desde o grupo municipal popular alertan de que esta medida supón un gasto de máis de 120.000 euros para controlar apenas unhas 50 prazas de estacionamento, un custo que consideran absolutamente desproporcionado e difícil de xustificar, especialmente nun Concello cunha situación financeira delicada e con múltiples necesidades sen atender. 

 O portavoz municipal do PP, Nico Montes, indicou que o trasfondo desta medida de videovixilancia xurde do “gravísimo problema de aparcamento en xeral” que sofre a cidade de Tui e que se foi agravando nos últimos dez anos pola xestión socialista. “Foron incapaces de construír o tan demandado aparcadoiro público —chegando incluso a rescindir de maneira custosa un contrato xa adxudicado e abandonando posteriormente o proxecto— e, paralelamente, continuaron coa destrución de prazas existentes mediante unha política errática de humanizacións”, explicou. 

 Desde o PP subliñan tamén que esta ordenanza non mellora a mobilidade nin favorece ao comercio local, ao tempo que xera serias dúbidas en materia de protección de datos e privacidade, ao contemplar a captación de imaxes e matrículas da cidadanía sen garantías suficientes. Por este motivo, o recurso presentado solicita igualmente a suspensión cautelar da aplicación da ordenanza mentres non haxa un pronunciamento xudicial. 

 “O goberno local opta por gastar 120.000 euros en vixiar aos veciños en lugar de investir en solucións reais ao problema do aparcamento”, sinalou Montes, quen defendeu alternativas como unha zona azul gratuíta e ben planificada, que facilite a rotación e apoie ao comercio sen penalizar á veciñanza. 

 O Partido Popular conclúe que esta ordenanza é un novo exemplo de improvisación e mala xestión, que non resolve os problemas de fondo, incrementa o gasto público e pode afastar visitantes e compradores de Tui, prexudicando á economía local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario