14 de xan. de 2026

TUI

O PAPEL DOS FARMACÉUTICOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA NA LOITA CONTRA A DE VIOLENCIA DE XÉNERO 

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, en colaboración coa Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra, desenvolveron un Programa dirixido a favorecer a coordinación e a creación de sinerxias entre os profesionais implicados.  

Están a celebrarse reunións de ámbito comarcal, a terceira delas correspondente ao Baixo Miño, terá lugar este xoves 15 de xaneiro ás 13 h no Edificio Sociocultural Camilo José Cela, en Tui.  


Vista de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e a Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra puxeron en marcha un programa pioneiro en Galicia, que denominan de “Intervención do farmacéutico en materia de violencia”, que se enmarca no ámbito do convenio de colaboración entre o Ministerio de Igualdade e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, a través do cal a profesión farmacéutica participa activamente en distintas accións de información, prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.  

 No marco deste programa están a levarse a cabo encontros de ámbito comarcal orientados a favorecer a coordinación e a creación de sinerxias entre os profesionais dunha mesma comarca implicados na loita contra a violencia contra as mulleres.  

 Os dous primeiros encontros celebráronse o 30 de outubro en Lalín e o 6 de novembro en Cangas, e neles déronse cita farmacéuticos das farmacias e dos centros de saúde de municipios de ambas as comarcas, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García, e   a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez, así como representantes dos CIM e dos Equipos Viogen.  

 Este xoves, día 15 de xaneiro, ás 13 h, celebrarase unha nova reunión, esta vez no Edificio Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, de Tui, á que están convocados ademais dos farmacéuticos de farmacias e centros de saúde dos municipios da comarca de Baixo Miño, a directora do CIM da Guarda Yolanda Villaverde; a coordinadora dos Servizos Sociais do Concello de Tui, Carmen María González Fernández; e o Equipo Viogen de Tui.  

 A presentación do acto correrá a cargo do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada Álvarez, e do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que estarán acompañados pola presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García, e a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario