A música enche os primeiros Venres Rebuldeiros do ano no Rosal
• O Concello prepara tres novas citas en xaneiro e febreiro que mesturan contos, libros e son para achegar a cultura á cativada
Infogauda / O Rosal
O son das palabras e o ritmo das historias marcarán o comezo do ano no Rosal, onde a biblioteca municipal volverá converterse nun espazo vivo de encontro, imaxinación e aprendizaxe coa chegada dos primeiros Venres Rebuldeiros do 2026. O Concello retoma así esta programación para cativada e público familiar, que nesta ocasión aposta pola música como fío condutor para achegar a literatura e o lecer cultural á rapazada.
A primeira cita terá lugar o vindeiro venres 23 ás 18.00 horas coa narradora oral Marta Ortiz, da compañía Charlatana, que presentará Tralará. Contos, obxectos e música. Trátase dun espectáculo no que se entrelazan contos de antes e de agora, cantigas, refráns, xogos de palabras e obxectos, creando unha experiencia chea de ritmo e participación. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 1 a 8 anos, será de balde e con entrada libre ata completar aforo.
A programación continuará en febreiro con dúas novas propostas. O sábado 7 celebrarase o obradoiro de música en familia de Liliescuela, unha actividade pensada para acompañar aos máis pequenos e pequenas no desenvolvemento das súas capacidades musicais innatas, tanto auditivas como rítmicas. Haberá dúas quendas, ás 11.00 e ás 12.00 horas, para nenos e nenas de 0 a 3 anos acompañados dunha persoa adulta. A participación requirirá inscrición previa, nos vindeiros días anunciarase a forma en que as persoas interesadas poden inscribirse.
O ciclo pecharase o venres 27 de febreiro ás 18.00 horas coa proposta Rosalía Cantareira, unha obra teatral e musical da compañía galega Charlatana Cooperativa Galega de Artistas. A través de contos e música, e coa actriz Jara Ortiz como protagonista, o espectáculo achega á figura de Rosalía de Castro desde unha ollada contemporánea, reivindicando a súa memoria e o seu legado no teatro galego actual.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “os Venres Rebuldeiros son unha ferramenta clave para espertar o interese pola lectura e pola cultura desde idades temperás, convertendo a biblioteca nun lugar atractivo e cheo de vida para a rapazada e as súas familias”. A rexedora engadiu ademais que “apostar por programacións deste tipo é apostar pola educación, pola creatividade e polo tempo compartido en familia”.
Con esta nova programación, o Concello do Rosal reafirma o seu compromiso coa cultura de proximidade e co fomento da lectura, ofrecendo propostas de calidade que combinan aprendizaxe, diversión e participación, e consolidando a biblioteca municipal como un espazo de referencia para o lecer cultural infantil e familiar.

Ningún comentario:
Publicar un comentario