A CIG denuncia os constantes recortes do Sergas na atención sanitaria no Morrazo
• O PAC volveu prestar servizo hoxe cunha médica menos, coincidindo coa reunión entre representantes sindicais e as alcaldesas de Cangas e Moaña
Infogauda / O Morrazo
A CIG-Saúde denuncia os constantes recortes por parte do Sergas na atención sanitaria na comarca do Morrazo e alerta de que para o departamento autonómico o PAC de Cangas-Moaña “non é prioritario”. Para reclamar o apoio destas dúas localidades ás reivindicacións da central para mellorar a asistencia na comarca coa dotación do persoal necesario, representantes sindicais reuníronse hoxe coas súas alcaldesas. O encontro coincidiu cunha nova ausencia médica no PAC, que tivo que prestar servizo cunha facultativa menos das previstas.
Para a CIG, o acontecido no PAC é un exemplo máis dunha problemática que se repite de maneira constante e que afecta directamente a atención sanitaria urxente de ambos municipios. Precisamente para abordar a situación deste servizo e as propostas da central sindical para ante a constante perda de persoal, a secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Pilar Rodríguez, e membro da executiva da Unión Local da CIG do Morrazo Óscar Graña mantiveron un encontro coas rexedoras de Cangas e Moaña, Araceli Gestido e Leticia Santos, respectivamente.
Na xuntanza os representantes sindicais trasladáronlles ás responsábeis municipais a súa preocupación pola decisión da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo de considerar o PAC de Cangas-Moaña como “non prioritario” á hora de cubrir as ausencias do persoal facultativo, xa sexan por reducións de xornada, permisos, vacacións ou situacións de incapacidade temporal.
Segundo explicou a CIG, este criterio implica que calquera outro PAC da Área Sanitaria de Vigo terá prioridade na cobertura de persoal médico fronte ao de Cangas, malia atender a dous concellos cunha elevada demanda asistencial. Como consecuencia directa desta política, no que vai de mes o PAC centralizado en Cangas atendeu con dúas médicas en lugar das tres previstas os días 2, 4, 8, 9 e 13 de xaneiro.
A situación agrávase, segundo o sindicato, cando as médicas do PAC deben ausentarse para atender emerxencias en ambulancia. Nestes casos, o centro pode quedar durante horas cunha soa facultativa ou mesmo sen ningunha presenza médica, o que supón un risco evidente para a atención urxente da poboación.
Mensaxes de presión ao persoal e amortización de prazas
O sindicato denuncia que desde o Sergas se lle transmite ao persoal que dúas médicas son suficientes para cubrir o servizo, con mensaxes do tipo “aprieten” ou “hay que trabajar con menos médicos y listo”.
Para a CIG, a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo está a aplicar unha política de amortización de prazas por dúas vías: unha explícita, reducindo o número de profesionais recollidos no plan funcional, e outra encuberta, ao non cubrir ausencias que se coñecen con semanas de antelación.
Petición de apoio institucional
Diante disto, a central sindical solicitou das alcaldesas o apoio institucional dos concellos para esixir un cambio no modelo asistencial que está a aplicar a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo en Cangas e Moaña.
As rexedoras comprometéronse a trasladarlle ao xerente da área sanitaria, Javier Puente, un escrito solicitando explicacións sobre os criterios empregados para cubrir as ausencias por reducións de xornada, o número de veces que o PAC non contou coas tres facultativas durante toda a xornada e cantas ocasións o persoal médico tivo que saír a atender ou trasladar pacientes, deixando o centro cunha soa médica ou sen atención sanitaria, así como o tempo que duraron estas situacións.
Finalmente, en relación á posible decisión do Sergas de reabrir novamente o PAC en Moaña coincidindo coa posta en marchas das novas instalacións do centro de saúde en Sisalde, a postura da CIG é clara ao respecto: este debe prestarse necesariamente cunha dotación mínima de dous equipos completos de medicina e enfermería, xa que este é o mínimo de persoal que debe existir en calquera dos Puntos de Atención Continuada da Área Sanitaria e Vigo. Así llo trasladaron os representantes sindicais ás rexedoras, ás que tamén lles solicitaron o seu apoio a esta reclamación “para contar cun servizo que garanta a calidade e a continuidade asistencial”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario