BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés recibe ao Zonzamas para inaugurar 2026
• Este sábado (19.00 horas) na Sangriña, para xogar a décimo cuarta xornada ligueira, primeira de 2026 e da segunda volta da tempada
• Á convocatoria, na que continúa a baixa de Nerea Gil, únense as xuvenís María Español e Melina Rodríguez
• Trátase do primeiro encontro dun ciclo que concentra oito partidos de tres competicións ata comezos de febreiro
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés busca inaugurar 2026 con bo pé. As de Ana Seabra recibirán este sábado (19.00 horas) na Sangriña ao Zonzamas Plus Car Lanzarote para disputar a primeira xornada da segunda volta da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, e dar con ela o pistoletazo de saída a un intenso período que condensará oito partidos de tres competicións diferentes ao longo do mes. Na convocatoria mantense polo momento a baixa de Nerea Gil, mentres que se unen as xuvenís María Español e Melina Rodríguez, como reforzo.
O Guardés chega despois dun merecido descanso de Nadal e con ganas de volver á acción. O pasado 20 de decembro, o equipo baixomiñoto despediu o ano ante os seus cun intenso partido no que debeu baleirarse para impoñerse finalmente ao Balonmano Morvedre (20-16). O rival, da parte baixa da táboa, conseguiu poñer as cousas moi difíciles a un Mecalia que xa notaba o cansazo da primeira volta e pecou de inusuais erros no lanzamento e perdas, se ben amosouse máis estable nos minutos finais. Este sábado, terá a oportunidade perfecta para certificar o seu bo facer como anfitrión e recuperar a mentalidade competitiva para prepararse para os seus vindeiros retos.
A convocatoria, pola súa parte, imita á de aquel derradeiro encontro de 2025. A central Nerea Gil continúa de baixa, aínda que ultimando os preparativos físicos para o seu regreso. E, do mesmo xeito, a técnica Seabra volveu convocar ás xuvenís María Español e Melina Rodríguez como reforzo, as que ofreceron na pista e na portería, respectivamente, notables actuacións nos minutos finais do partido ante o Morvedre. As mozas guardesas terán a súa ocasión de brillar de novo este sábado na casa.
En canto ao rival, o Zonzamas chega ao Inferno en duodécima posición da táboa, cun balance de dúas vitorias e once derrotas na primeira volta. As canarias non rematan de atopar o seu lugar no seu retorno á elite, se ben contan cun forte equipo que logra xerar moito perigo, como demostran a súa vitoria de cuarta xornada ante o Granollers (33-27) ou o axustado dos seus resultados co Bera Bera (22-25) e o Aula (27-29), entre outros.
No primeiro partido da tempada, de feito, foron quen de levar ao Guardés a remolque durante todo o encontro e obrigárono a remontar a falta de apenas dez minutos para o asubío final (23-28), ofrecendo un ritmo moi rápido e esixente a un equipo galego que notaba a inestabilidade propia do comezo de curso.
Con todo, moito cambiaron as cousas dende entón para ambos equipos, pois dende setembro, o de Lanzarote foi evolucionando de xeito notable, ademais de vivir novidades importantes como a destitución do adestrador Juanmi Pérez, a quen substituíu Juan Rivera, ou a saída de Lorena Zarco anunciada durante o parón de Nadal. Este sábado, por tanto, tratarase de comparar progresos, aínda que as da Guarda contarán coa innegable vantaxe que supón a bancada da Sangriña.
Ana Seabra: “Espéranos un mes longo e de alta densidade competitiva, pero o equipo está motivado e preparado para dar o mellor de si mesmo”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, indica que “sabemos que nos espera un mes longo e cunha alta densidade competitiva”, pero que “o equipo está motivado e preparado para dar o mellor de si mesmo nas vindeiras xornadas, tanto na Liga como na competición europea e a Copa”. O Zonzamas, explica, é un punto de partida complexo para este ciclo, pois é un conxunto “con ccalidade no seu plantel e que foi evolucionando de xeito consistente, adquirindo máis confianza e dinámicas colectivas”, e que a estas alturas “naturalmente, aspira a sumar puntos”.
Pola súa parte, a fórmula segue a ser a mesma: afrontar partido a partido e non subestimar a ninguén, sen fixarse na táboa. “O grupo traballou ben e intensamente”, detalla a técnica sobre o parón de Nadal, “e afrontamos esta segunda parte con madureza e consciencia das dificultades que atoparemos, sabendo que ningún rival nolo porá doado”. Seabra conclúe que os de mañá “son dous puntos moi importantes” e deixa claras as súas intencións: “imos pelexar para comezar o ano con boas sensacións, que é o noso principal obxectivo”.
Sobre o que esperar das súas nesta nova tempada, Seabra quixo destacar os bos progresos do equipo durante a pretempada, na que foi “medrando pouco a pouco e gañando sensacións”. Polo demais, rexeita coma sempre predecir a longo prazo: “Seguimos tendo unha filosofía de ir partido a partido e semana a semana”. O primeiro, este sábado en Lanzarote.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 14
Mecalia Atlético Guardés – Zonzamas Plus Car Lanzarote
Sábado, 10 de xaneiro, ás 19.00 horas, no| Pavillón Municipal da Sangriña
Retransmisión pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés: https://www.youtube.com/live/zjjADf5NxHg

Ningún comentario:
Publicar un comentario