7 de xan. de 2026

MONDARIZ

A Deputación pon en valor o labor das cantareiras e tocadoras de Gargamala este venres en Mondariz 

 O faladoiro forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas, e terá lugar o venres 9 de xaneiro ás 19:00 horas na Praza de Abastos da localidade




Infogauda / Mondariz

 A Praza de Abastos do Concello de Mondariz acolle este venres 9 de xaneiro ás 19:00 horas un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión as protagonistas serán as mulleres de Gargamala, cantareiras, tocadoras e gardiás da tradición galega. O faladoiro terá unha duración aproximada de dúas horas e nela, ademais da deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e a moderadora Marian Fernández, participarán Xulia Feixoo, Lealdina Amil e María González.  

 O faladoiro centrarase nas mulleres da pequena parroquia de Gargamala, en Mondariz, como grandes depositarias da tradición oral e musical da súa vila. Cantareiras, tocadoras e transmisoras de saber, fixeron posible que sobrevivan romances, coplas ou cantos ao traballo ao reunírense en fiadas, seráns e festas nos que acompañan os labores do campo e as celebracións coas harmonías que sabían de memoria: desde cancións de berce ata pezas para bailes e procesións. 

 O faladoiro porá en valor a súa vitalidade e virtuosismo, así como o labor de recollida e divulgación realizado desde fai máis de 30 anos por investigadoras que se aproximaron a Gargamala na procura dun coñecemento directo. As mulleres de Gargamala son tamén referentes para a revitalización dos seráns que se viven na actualidade, ademais de fonte de inspiración para os espectáculos de moitos dos grupos folclóricos e artistas galegos actuais que beben da tradición, algúns deles con repercusión internacional.

 A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombreiras, Juaniña do Porriño e as Nais contra a Droga, ao dedicado ás mulleres de Gargamala seguiranlle outros nos que se narrarán as historias da primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias; das mulleres do mundo do viño; da soprano de zarzuela Matilde Vázquez; da fotógrafa e xornalista Corona González; da bióloga Marisol Soengas; da arquitecta Rita Fernández Queimadelos; da cineasta Cruz Risco; e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.

Ligazón á páxina de YouTube, pola cal será retransmitido o evento AQUI FALTAN PAXINAS - Mulleres de Gargamala. Cantareiras, tocadoras e gardiás da nosa tradición

Ningún comentario:

Publicar un comentario