O programa Eu Saudable Mente busca o benestar mental do alumnado do IES A Sangriña
• O programa dirixido pola psicóloga Andrea Iglesias refórzase este ano cunha charla para as familias
Infogauda / A Guarda
Este ano volve o programa “Eu Saudable Mente” ao IES A Sangriña. Tras os bos resultados e boa acollida do proxecto o ano pasado, este 2026 a OMIX do Concello da Guarda aposta de novo polo benestar mental do alumnado.
Nas diferentes xornadas do proxecto, as persoas participantes enfocaranse na intelixencia emocional, no desenvolvemento da autoestima, na sexualidade positiva e na reflexión do uso das redes sociais. O programa conta con tres sesións para o alumnado de 1º e 2º da ESO e unha sesión para 3º e 4º da ESO.
A psicóloga Andrea Iglesias, dirixe esta actividade, que busca ser “participativa con dinámicas diferentes e tamén escoitando as dúbidas e necesidades do alumnado”. “Ademais - engade -, hai que adaptarse ao contexto e as idades e particularidades de cada clase”.
Andrea fai fincapé en temas como o uso das redes sociais para ter “un uso consciente, con análise e crítica da influencia que poden ter na autoimaxe e nas habilidades sociais”. Por iso, esta actividade diríxese á mocidade en idade de desenvolvemento da personalidade, das relacións afectivas e de crecemento.
Como novidade, este ano proponse unha charla para as familias, a fin de mellorar a comunicación entre proxenitores e fillos e fillas, puntualizando varios temas en relación á saúde mental.

Ningún comentario:
Publicar un comentario