11 de dec. de 2025

PONTEVEDRA

FEMUPO INICIA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA FEMUPOCONTIGO PARA APOIAR A MUJERES EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE.




FEMUPO / Pontevedra

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) pon en marcha unha nova edición do programa FEMUPOCONTIGO, unha iniciativa dirixida a apoiar a mulleres en situación de vulnerabilidade, especialmente aquelas que se atopan en desemprego e presentan dificultades sociais, económicas ou persoais que dificultan o seu acceso ao mercado laboral. 

 Tras os resultados moi positivos da edición anterior —na que participaron máis de 40 mulleres, das cales unha parte importante logrou acceder ao emprego ou iniciar estudos— FEMUPO reforza o seu compromiso coa igualdade real e coa mellora das condicións de vida das mulleres da provincia. 

 FEMUPOCONTIGO é un programa de intervención individualizada que ofrece servizos especializados destinados a acompañar a cada participante no seu proceso de recuperación persoal e de inserción sociolaboral. Entre as súas actuacións destacan: 

 Orientación e información sobre recursos sociais e laborais, incluíndo acompañamento presencial en trámites administrativos. 

 Atención psicolóxica, especialmente dirixida a mulleres que atravesan situacións de estrés, ansiedade ou procesos de adaptación complexos. 

 Asesoramento xurídico, con especial atención a cuestións laborais, administrativas e de estranxeiría. 

 Mediación intercultural e familiar, reforzada este ano debido ao incremento de mulleres inmigrantes que precisan apoio específico. 

 Talleres de competencias persoais e profesionais, como habilidades sociais, competencias dixitais, igualdade, prevención da violencia de xénero ou preparación para entrevistas.

 Orientación laboral e acompañamento na procura activa de emprego, incluíndo elaboración de currículum, mellora das habilidades profesionais e prospección laboral. 

 FEMUPO continúa así a súa liña de traballo centrada en facilitar procesos reais de empoderamento, mellora da autoestima e fortalecemento da autonomía persoal. A nova edición do programa chega nun contexto no que cada vez máis mulleres —especialmente inmigrantes, maiores de 45 anos ou desempregadas de longa duración— demandan acompañamento profesional e recursos adaptados ás súas necesidades. 

 O obxectivo desta nova edición é seguir ofrecendo un servizo próximo, humano e especializado, que permita ás mulleres mellorar a súa situación vital e abrir novas oportunidades de formación, participación e inserción laboral. 

 Para FEMUPO, FEMUPOCONTIGO representa unha peza clave na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. A través deste programa, a entidade reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e co impulso de accións transformadoras en toda a provincia de Pontevedra. 

 Estas accións son posibles grazas á subvención da Xunta de Galicia a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e están cofinanciadas por la Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade – Dirección xeral de Promoción da Igualdade) e pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027 

 As persoas interesadas poden solicitar máis información a través dos canais habituais de contacto de FEMUPO ou inscribirse en https://forms.gle/nqoYzKGnfAQEwPmHA

Ningún comentario:

Publicar un comentario