Cristina Pato, nova protagonista dos encontros literarios do Espazo Isaura Gómez
• A música, escritora e educadora presenta o seu segundo libro en Tomiño este xoves 11 de decembro ás 20.00 horas. Entrada de balde
Infogauda / Tomiño
Cando a literatura se atreve a afastarse do ruído e poñer o foco nos silencios, xorden historias que deixan pegada. Ese é o camiño que propón ‘Fóra de foco’, a nova novela de Cristina Pato que se presentará este xoves 11 de decembro ás 20.00 horas no Espazo Isaura Gómez de Tomiño dentro da súa programación dedicada á creación literaria contemporánea.
Tras o éxito da súa primeira novela, ‘No día do seu enterro’, Cristina Pato regresa cun relato intimista que afonda nas contradicións da vida actual a través da historia de Marieta Carracedo, unha xornalista que emprende a investigación da misteriosa desaparición da fotógrafa Basil Cancela. Un percorrido que transita entre Nova York, Galicia e Madrid e que acaba converténdose nunha viaxe interior sobre a identidade, a exposición pública, a creación artística e a renuncia.
“Apostar pola literatura é apostar por espazos de pensamento crítico e reflexión colectiva”, sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que recalcou que “para nós é unha satisfacción acoller no Espazo Isaura Gómez unha autora como Cristina Pato, cunha obra que invita a mirar a realidade con máis calma e profundidade, algo moi necesario nos tempos que vivimos”.
A presentación contará coa participación da rexedora, que acompañará á autora xunto á escritora e crítica teatral Inma López Silva nun encontro aberto ao público no que se afondará nas claves dunha novela construída desde a contención, os silencios e as decisións vitais que marcan as persoas.
Con esta actividade, o Espazo Isaura Gómez continúa consolidándose como un punto de encontro cultural de referencia en Tomiño, abrindo as súas portas á literatura galega actual e ofrecendo á veciñanza propostas culturais de balde e de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario