20 de dec. de 2025

O ROSAL

O Nadal do Rosal brilla con creatividade, reciclaxe e participación veciñal  

  Veciños e veciñas converten as rúas e prazas dos barrios do municipio nunha mostra de talento, innovación e compromiso co medio ambiente   


Durante estas datas, a veciñanza de diferentes barrios do municipio traballan para encher de cor, orixinalidade e maxia as súas rúas e prazas con decoracións elaboradas a partir de materiais de refugallo reutilizados e reciclados 
Fotos: C.O.R.



Infogauda / O Rosal

 O espírito do Nadal no Rosal vai máis aló das luces e os agasallos. Co Nadal Sostible, rosaleiros e rosaleitas demostran un ano máis que a unión, a creatividade e a sustentabilidade poden ir da man nestas festas tan sinaladas. Durante estas datas, a veciñanza de diferentes barrios do municipio traballan para encher de cor, orixinalidade e maxia as súas rúas e prazas con decoracións elaboradas a partir de materiais de refugallo reutilizados e reciclados. 

 Figuras en madeira, bonecos de neve e árbores de Nadal feitos con pneumáticos, trens construídos con caixas, beléns en lavadeiros ou pezas artísticas con teas tratadas con coidado son só algunhas das iniciativas que mostran a capacidade de innovación e o talento da comunidade rosaleira. Cada obra reflicte a personalidade de quen a crea, transformando materiais simples en verdadeiras obras de arte colectivas. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “o Nadal Sostible é un proxecto que combina responsabilidade ambiental con cohesión social. Estas iniciativas permiten aos veciños e veciñas socializar, traballar en equipo e desfrutar xuntos da maxia do Nadal. É impresionante ver como cada barrio achega o seu toque creativo para encher o municipio de cor e alegría”. 

 Este ano participan no Nadal Sostible barrios como Fornelos, O Xestal, Caselas, Martín, A Fecha, Pancenteo, Novás ou O Picón, que se suman a esta tradición ano tras ano, facendo que a proposta gañe presenza e participación en todo O Rosal. 

 A rexedora sinalou que estas accións non só contribúen á sostibilidade, senón que fomentan a colaboración e o espírito comunitario: “Cada peza é unha mostra do compromiso e do talento dos nosos veciños e veciñas, un exemplo de como a creatividade pode transformar a nosa contorna e fortalecer o vínculo social”, resaltou. 

 Dende o Concello do Rosal, felicítase e agradece o esforzo de toda a veciñanza que fai posible cada ano este Nadal Sostible, unha iniciativa que recolle o espírito comunitario rosaleiro e simboliza un camiño cara a un futuro máis consciente, respectuoso e participativo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario