O Ministerio de Transportes asumirá o custo total do soterramento ferroviario do Porriño
• Esta actuación será integrada no macroproyecto do saída sur de Vigo beneficiando notablemente ao noso Concello, ao aforrarse os 8 M€ das arcas municipais que se comprometeron no convenio con ADIF
Grupo municipal do PSdeG-PSOE / O Porriño
O grupo socialista do Porriño está en condicións de confirmar que, a esperada actuación do soterramento do paso a nivel e reforma do trazado ferroviario, vai ser asumida directamente polo Ministerio de Transportes e englobada no proxecto do Saída Sur de Vigo; cuxo estudo acaba de ser ampliado cun ano máis para analizar pormenorizadamente a mellor opción para continuar en dirección a Portugal.
A información dispoñible apunta a que se volveu a poñer sobre a mesa a posibilidade de enganchar co trazado actual ao Norte do Porriño, en lugar de facelo ao Sur, o que implicará a duplicación da vía no trazado actual, incluíndo a actuación de soterramento prevista.
O Concello do Porriño é coñecedor desta circunstancia e, segundo puidemos saber, isto significa que xa non será necesario asinar un convenio entre o Concello e ADIF, polo que a Administración local aforrarase os 8 millóns de euros que estaba comprometida a achegar. A parte negativa deste cambio será unha dilatación nos prazos, pois a obra queda condicionada á construción do saída Sur de Vigo.
Por outra banda, esta novidade implica tamén circunstancias favorables para a mobilidade ferroviaria entre O Porriño e Vigo, pois ao situarse a conexión cara ao Norte poderemos gozar de máis frecuencias e ábrese a posibilidade de incluírnos no servizo de proximidade que o Ministerio de Transportes está a estudar.
Os socialistas do Porriño ofrecemos toda a nosa colaboración para un cambio que consideramos positivo, pois se abren novas perspectivas de facer compatible a mellora urbana que supón o soterramento coa mellora da nosa conectividade con Vigo e con todo o Eixo Atlántico ferroviario. Ademais, esta novidade supón un aforro moi importante para o Concello que, por outra banda, carecía de capacidade de endebedamento para asumilo, como todos sabemos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario