20 de dec. de 2025

ECONOMÍA

A CIG considera esgotada a vía estatal de negociación na seguridade privada e insta a pactar un convenio galego de sector 

  Persoas delegadas e traballadoras mobilizáronse onte en Vigo no marco  da campaña para reclamar unhas condicións laborais dignas 


Manifestación de persoal da seguridade privada polos arredores do centro comercial Vialia na tarde de onte
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 A CIG-Servizos considera esgotada a vía estatal de negociación colectiva na seguridade privada e insta a pactar un convenio galego que dea resposta ás necesidades do sector. A representación da central sindical trasladou o seu rexeitamento á proposta da patronal na xuntanza celebrada onte, na que o resto de sindicatos asumiron en boa parte as cuestións achegadas polo empresariado. Precisamente para reclamar unhas condicións laborais dignas, a central a CIG puxo en marcha un calendario de comunicacións que comezou a semana pasada en Santiago e que na tarde de onte continuou en Vigo, cunha manifestación polos arredores do centro comercial Vialia. 

 O responsábel de seguridade privada da CIG-Servizos, Pedro  Pérez, posicionouse en contra da proposta presentada pola patronal o pasado día 3 ao considerala “inasumíbel e insuficiente” e ao non responder ás necesidades do sector nin das persoas traballadoras da seguridade privada. 

 Os incrementos ofertados (media do 4 % anual e un 16,97 % acumulado en catro anos) non compensan a perda real de poder adquisitivo dos últimos anos. Ademais, trátase dunha subida diferida no tempo, cos maiores incrementos concentrados nos últimos anos do convenio, o que prolonga a precarización salarial. “A estrutura da suba, con aumentos maiores ao final do convenio, supón unha patada cara a adiante, obrigando aos cadros de persoal a financiar durante anos a estabilidade empresarial”. 

 Polo que a CIG mantén a súa proposta do 8% anual, que é o que demanda o sector, para recuperar o poder adquisitivo perdido na última década e para atraer profesionais ao sector. E aposta polo incremento dos pluses de nocturnidade e festividade, pola equiparación do complemento de perigosidade e pola creación de novos pluses no ámbito aeroportuario e en todos aqueles de maior risco, así como por aplicar unha mellora económica para o persoal de electromecánica e operador de CRA. 

 A proposta da central sindical contempla tamén garantir a xubilación parcial e unha redución da xornada laboral, algo ao que renuncian os sindicatos estatais. “Nós reclamamos fixar a xornada semanal de 35 horas sen agardar a unha suposta reforma legal e sen dilatala non tempo, con calendarios laborais anuais entregados o 30 de novembro do ano anterior cubrindo o 100% dos servizos fixos e estábeis”. 

 Pola súa banda, a UGT aproveitou a xuntanza de onte para presentar unha contraoferta á proposta do empresariado na que asume algúns dos seus puntos- incluído o aumento de soldos-, aínda que con distinto reparto anual. Mentres que CCOO e USO aceptan a proposta e achegarán algunhas consideracións a respecto da desconexión dixital e da xubilación parcial na próxima reunión, fixada para o 7 de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario