BALONMÁN FEMININO
O Guardés sofre para despedir 2025 cunha vitoria (20-16)
• O Mecalia suma a súa décima vitoria da tempada nun partido de altibaixos ante o Balonmán Morvedre
• As de Ana Seabra tiveron problemas para impoñerse xa na primeira parte e non lograron consolidar a súa superioridade ata os minutos finais do encontro, debido a múltiples erros no lanzamento e perdas de balón
• O xogo ofensivo repartiuse entre as actuacións de María Palomo e María Sancha, con tres acertos cada unha, destacando a intervención das xuvenís María Español e Melina Rodríguez (porteira) no último parcial
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés pecha o 2025 certificando a súa solvencia e bo momento. As de Ana Seabra sumaron este sábado ante o Balonmán Morvedre a súa décima vitoria da tempada, con moito esforzo e tras un encontro cheo de imprecisións e desacertos por ambas as partes. Destacaron no xogo ofensivo as actuacións de María Palomo e María Sancha, con tres goles cada unha, aínda que o resultado final foi froito do traballo en equipo ben compensado. Tamén foi memorable a aparición de María Español e Melina Rodríguez, dúas xuvenís que sumaron minutos nos compases finais.
Recupera a senda da vitoria. As de Ana Seabra volveron do parón pisando forte este mércores en Elda, onde dominaron todo o encontro a un anfitrión desarmado, aínda que con certa capacidade de resposta. O equipo baixomiñoto sostivo unha renda duns cinco goles durante a maior parte do partido, pero a vitoria chegou a perigar nos minutos finais debido a unha recuperación progresiva das de Prades. Con todo, non foi suficiente e a férrea defensa dunha Amandine Balzinc que acumulou 19 paradas terminou por dar o noveno triunfo da tempada ás súas. En ataque, María Palomo liderou con seis goles, e África Sempere estreouse con dous pola súa banda no seu esperado regreso ás pistas.
No que respecta a xornada deste sábado, o encontro inaugurouse cun primeiro gol da man de Lorena Téllez, que non tivo dificultades para penetrar a defensa do Morvedre na primeira xogada do encontro. O equipo baixomiñoto ofreceu, pola súa banda, unha protección da portería contundente que deixou sen recursos ao seu rival. Ou así foi, polo menos, por momentos, pois aínda que as de Sagunto non lograron igualar o marcador ata pasados uns minutos, unha vez conseguírono si puideron aproveitarse tamén de dúas perdas de balón consecutivas por parte das locais, o que as levou a pechar o primeiro parcial de cinco minutos por diante (1-2, min. 5).
E seguiu pillando desprevido ao Guardés o conxunto visitante, materializando outro ataque máis mentres as anfitrioas parecían sufrir un certo bloqueo, polo menos no que ao acerto no lanzamento referíase. Ameazaron con afastarse as valencianas no luminoso, cunha crecida que só se freou cos 7 metros, rexeite incluído, fallado pola central María Pérez (1-3, min. 7). Con todo, as de David Núñez chegaron a poñerse por diante outro chanzo máis, o que obrigou a Ana Seabra a solicitar parar o tempo e axudar ás súas a entrar no partido (1-4, min. 9).
Tras este parcial 0-4, por fin reaccionou o Mecalia, aínda que pola mínima. Os minutos pasaban e sucedíanse aínda os erros no lanzamento cunha frecuencia pouco característica para o cadro anfitrión. Aínda que recuperaba a contundencia defensiva que ofrecera ao comezo do encontro, seguía tendo a coordinación no ataque como materia pendente, o que provocou que as visitantes liderasen aínda pasado o ecuador desta primeira parte (3-5, min. 15).
Con dificultades, o esforzo progresivo deu os seus froitos e un acerto de Elena Martínez lograba reiniciar o marcador por fin (5-5, min. 19), culminando un parcial 2-0 que demostraba que tiña aínda algo que dicir o Mecalia, e que obrigaba ao técnico Núñez a chamar ao tempo morto esta vez.
Foi entón cando un acerto de María Sancha puxo ás súas por diante de novo, iniciando un camiño que continuarían Cecilia Cacheda primeiro e Ania Ramos despois, e que confirmaría unha certa recuperación da concentración por parte das locais (8-5, min. 27). O Guardés pechou esta primeira metade liderando grazas á boa coordinación do ataque a 7 implementado nos últimos minutos, unha imaxe moito máis próxima á que afai trasladar o equipo baixomiñoto que a demostrada durante a maior parte destes primeiros 30 minutos (9-6, min. 30). Tratábase agora de manter a mentalidade para a segunda parte para constatar a superioridade.
A continuación inaugurouse cun canonazo de Lorena Téllez que seguía abrindo a brecha no marcador. As de Seabra saíron á pista decididas a afinar o seu xogo defensivo, igualar a presión visitante e facerse co dominio do partido, e aínda que estas intencións líanse perfectamente, non sempre se materializaban sobre a pista, pois varios erros non forzados levaron a que o Morvedre lograse responder cun 0-3 que deixaba claro que aínda non había nada decidido (10-9, min. 35).
Ameazou con converterse entón o encontro nun tira e afrouxa constante en que ambos os dous equipos repartíanse a superioridade por refachos, pois pouco despois Rosane Serrano acertaba o primeiro penalti do partido para culminar o parcial 4-0 co que o Guardés volveu impoñerse (13-10, min. 37).
Minorouse, con todo, o ritmo, debido a unha protección da portería máis férrea por parte das galegas. O único que xeraba ocasións eran as múltiples perdas que cometía cada banda, culpables das pequenas variacións que sufría o marcador pero sen deixar suficientemente clara aínda a superioridade de ningún dos dous participantes (14-13, min. 45), a pesar de que o Mecalia non perdera o liderado en ningún momento desde o reinicio. No ecuador da segunda parte, todo apuntaba a que o resultado deste encontro manteríase en incógnita ata o final.
Encadeou neste momento varias accións exitosas o Guardés, dirixidas a evitar precisamente esa incógnita e encarar os minutos finais con seguridade. Aproveitáronse dos erros rivais xogadoras como Sancha, Ramos e Palomo, mentres a barreira defensiva na súa totalidade mantíñase atenta para cortar con éxito as xogadas das de Sagunto. A pesar de que as fochancas e erros persistían en medida significativa, o anfitrión conseguira consolidar a súa superioridade de fronte ao último parcial de cinco minutos (19-14, min. 55).
Aproveitou entón Ana Seabra para sacar á pista ás dúas xuvenís que reforzaban a convocatoria, a primeira liña María Español, que se estreou cun acerto vital desde os sete metros nada máis saír á pista; e a porteira Melina Rodríguez, que foi responsable de ata dúas paradas fundamentais para manter o oco no marcador. Nada se saíu do previsto nos compases finais, que culminaron cunha renda similar aos obtida minutos atrás este complexo encontro para o Guardés (20-16, final). O equipo da Guarda despídese así do 2025 coa súa décima vitoria da tempada e en segundo lugar da clasificación, coroando un ano histórico para o Club.
Mecalia Atlético Guardés (9+11): Amandine Balzinc (p.), María Sancha (3), María Palomo (3), Blazka Hauptman (1), Ariana Portillo (2), Lorena Téllez (2), Carme Castro (1) [sete inicial], África Sempere, Sabina Mínguez (p.) Jazmín Mendoza (2), Cecilia Cacheda (1), Rosane Serrano (1), Elena Martínez (1), Ania Ramos (2), María Español (1) e Melina Rodríguez (p.).
Balonmán Morvedre (6+10): María Pérez (2), Lilly Törok (3), Martina Cuadrado (p.), Remei Cunyà (2), Martina Català, Sara Palanques, Andrea Claramonte (2) [sete inicial], Beatriz Masseu, Khadija El Jellabi, Rebeca López (5), Paola Santos (p.), Lucía Gámez, Lucía Julve (2) e Carla Zálvez. Marcador cada cinco minutos: 1-2, 1-4, 3-4, 6-5, 9-6, 10-9, 13-11, 13-12, 15-13, 18-14, 20-16.
Árbitros: Abel Juncal e Ángel Mateos. Amoestaron con tarxeta amarela á visitante María Pérez e excluíron con dúas ás locais Blazka Hauptman, Ania Ramos, María Palomo e Jazmín Mendoza e á visitante María Pérez.
Incidencias: Partido de décimo terceira xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario