BALONMÁN FEMININO
O Guardés acollerá a ida de oitavos de final da EHF European Cup na Sangriña
• O equipo baixomiñoto recibirá ao Handball Erice italiano o sábado, 17 de xaneiro ás 19.00 horas para xogar o primeiro partido da eliminatoria Last 16
• A volta será o seguinte sábado, 24 ás 18.00 horas en Sicilia
• Como consecuencia, aprazaranse os encontros de liga previstos para cadansúa fin de semana a novas datas aínda por decidir
• O Club confía na campaña con Terra Move para afrontar o reto económico que supón a competición e aposta por vivir Europa coa súa afección de novo
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés volverá vivir Europa coa súa afección. O equipo baixomiñoto desvelou este martes os detalles do seguinte chanzo na EHF European Cup, a fase Last 16 ou de oitavos de final, que será de novo unha eliminatoria a dobre partido. A diferenza do acontecido na rolda anterior, a novidade é que o Mecalia acolleuse ao seu dereito como anfitrión e aceptou organizar o primeiro dos dous encontros na Sangriña, onde recibirá ao italiano Handball Erice o vindeiro 17 de xaneiro.
Tras renunciar a traer un ou os dous partidos da Rolda 3 desta copa europea por incapacidade económica, o Club baixomiñoto decidiu tomar un rumbo diferente no seu próximo capítulo na competición. O sorteo que o emparellou ao Guardés en oitavos de final co Handball Erice decretou tamén que o equipo galego actuaría como anfitrión, polo que nesta ocasión decidiu acollerse a este dereito para organizar o primeiro dos dous partidos que compoñen a eliminatoria no pavillón da Sangriña.
Así, a afección guardesa gozará do regreso da EHF European Cup ás súas terras o vindeiro sábado 17 de xaneiro ás 19.00 horas, cun partido que será toda unha celebración para o Club e do que se espera obter tamén un rendemento económico e publicitario importante. O encontro que decidirá a clasificación a cuartos de final xogarase xusto unha semana despois, o 24 de xaneiro ás 18.00 horas no Palazzetto dello Sport “Pino Cardella”, fogar do Erice en Casa Santa, Sicilia.
Con esta decisión, o Mecalia asegura a posibilidade de contar coa súa afección para unha cita determinante para a tempada, ao tempo que limita o cansazo que supón concentrar a eliminatoria íntegra nunha única fin de semana, tal como acontecera na rolda anterior. Aínda que os desafíos económicos do Club persisten, no Guardés confían no rendemento da campaña “Non deixes que o Guardés remate” lanzada nas últimas semanas a través da plataforma solidaria Terra Move, dende a que empresas e particulares poden doar xa na seguinte ligazón a cambio de significativas vantaxes fiscais: https://www.amareterra.org/terramove/0e002f95-794a-4794-8da5-640be023d3b7. Polo demais, no seo do equipo baixomiñoto seguen traballando por reunir apoios para continuar levando o nome da Guarda por toda Europa.
A competición europea afectará, de novo, ao calendario ligueiro, que prevía cadanseu encontro nas fins de semana escollidas para xogar o Last 16. A visita guardesa ao KH-7 BM Granollers prevista para a fin de semana do 17 de xaneiro trasladouse xa ao mércores 14 no Palau catalán ás 20.30 horas; mentres que o encontro contra o Grafometal La Rioja que A Sangriña acollería o día 24 aínda espera ser reubicado.
En calquera caso, a EHF European Cup volverá condensar a axenda guardesa, que vivirá un comezo de ano bastante ocupado. Polo de agora, ao equipo miñoto espéranlle dous envites finais á volta do parón mundialista os próximos 17 (en Elda) e 20 (na Sangriña ante Morvedre) de decembro, a partir de cando poderá gozar das festas ata o 10 de xaneiro. É entón cando, entre competición europea, Liga e segunda fase da Copa de la Reina, o Mecalia prevé un total de oito partidos que poderían concentrarse en algo menos de cinco semanas, supoñendo un novo período crucial para o devir da súa tempada.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 12 | Elda Prestigio – Mecalia Atlético Guardés | Miércoles, 17 de decembro | 20.00 horas | Florentino Ibáñez
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 13 | Mecalia Atlético Guardés – Balonmano Morvedre | Sábado, 20 de decembro | 19.00 horas | A Sangriña
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 14 | Mecalia Atlético Guardés – Zonzamas Plus Car Lanzarote | Sábado, 10 de xaneiro | 19.00 horas | A Sangriña
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 15 | KH-7 BM Granollers – Mecalia Atlético Guardés | Miércoles, 14 de xaneiro | 20.30 horas | Palau d’Esports
EHF European Cup | Last 16 – Ida | Mecalia Atlético Guardés – Handball Erice SSD ARL | Sábado, 17 de xaneiro | 19.00 horas | A Sangriña
EHF European Cup | Last 16 – Volta | Handball Erice SSD ARL – Mecalia Atlético Guardés | Sábado, 24 de xaneiro | 18.00 horas | Pino Cardella
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 16 | Mecalia Atlético Guardés – Grafometal La Rioja | Data e horario por determinar (inicialmente previsto para o 24 de xaneiro) | A Sangriña
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 17 | Super Amara Bera Bera – Mecalia Atlético Guardés | Data e horario por determinar (previsto para o 31 de xaneiro) | José Antonio Gasca
XLVII Copa de S.M. La Reina | Segunda fase | Balonmano Morvedre – Mecalia Atlético Guardés | Mércores, 4 de febreiro | Horario por determinar | René Marigil
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 18 | Mecalia Atlético Guardés – Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife | Data e horario por determinar (previsto para o 7 de febreiro) | A Sangriña

Ningún comentario:
Publicar un comentario