A ASOCIACIÓN DE MULLERES PROGRESISTAS DA GUARDA ORGANIZA UN CAFÉ COLOQUIO SOBRE INTELIXENCIA ARTIFICIAL
• O encontro celebrarase o xoves, 11 de decembro, ás 19:00 horas, no local de Érguete Baixo Miño (O Pescador)
Infogauda / A Guarda
A Asociación Mulleres Progresistas da Guarda organiza unha nova sesión do ciclo “Conversas que inspiran”, unha proposta pensada para crear espazos de encontro, aprendizaxe e reflexión colectiva arredor de temas de actualidade. Nesta ocasión, a conversa xirará arredor da intelixencia artificial, unha tecnoloxía cada vez máis presente na vida cotiá e que esperta tanto curiosidade como interrogantes.
Baixo o título “Descubrindo a Intelixencia Artificial”, o enxeñeiro Alejandro González ofrecerá unha charla divulgativa aberta ao conxunto da cidadanía, cun enfoque accesible e práctico para comprender que é a IA, que ferramentas ofrece e como podemos incorporar o seu uso á vida diaria.
O encontro celebrarase o xoves, 11 de decembro, ás 19:00 horas, no local de Érguete Baixo Miño (O Pescador). A sesión inclúe un pequeno descanso con café, favorecendo o diálogo e a participación das persoas asistentes, esencia mesma do formato café-coloquio.
Con este novo encontro - no que colabora a Asociación Erguete Baixo Miño coa posta a disposición do seu local -, “Conversas que Inspiran” continúa consolidándose como un espazo plural para compartir coñecemento, fortalecer o pensamento crítico e fomentar a participación comunitaria en temas relevantes para o presente e o futuro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario