17 de dec. de 2025

CULTURA

A Fundación Artesanía de Galicia e o torneiro tomiñés Aitor Martínez resultan gañadores nos Premios Nacionais de Artesanía 2025 

  O torneiro Aitor Martínez acadou o Premio Produto pola súa colección Mundos e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o Premio Promociona Entidades Públicas polo seu proxecto pioneiro en España Artesanía no Prato

  O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, recolleron esta mañá en Madrid o galardón nunha cerimonia á que tamén asistiu o director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos  

 A artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) resultou finalista na categoría de Emprendemento pola súa empresa Claudinas, feltros esculpidos e artesanais, especializado no traballo de pezas en feltro


O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025
Foto: X.G.

Infogauda / Madrid

 O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, á que tamén asistiu o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto “Artesanía no Prato”. A artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) resultou finalista na categoría Emprendemento.  

 O torneiro Aitor Martínez López de Arbina recolleu o seu Premio Produto 2025 pola súa colección Mundos, un traballo que o xurado cualificou de “grande sensibilidade técnica e potente visión conceptual”. O seu traballo baséase na utilización da materia prima sustentable e coa trazabilidade documentada a través da ferramenta Fortra coa idea de poñer en valor a orixe e a materia da que se dispón no territorio. No ano 2024 Aitor xa resultou gañador do Premio Joven Promesa do Círculo Fortuny, foi finalista do Premio Artesanía de Galicia 2024 e tamén do Premio Produto.  

 O director xeral de Comercio e Consumo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia recolleron o Premio Promociona para Entidades Públicas polo proxecto Artesanía no Prato, pioneiro en España e no que se fan converxer artesanía e gastronomía co obxectivo de incrementar a singularidade, a exclusividade e o valor engadido das propostas resultantes. Trátase do cuarto galardón que recibe a Fundación Artesanía de Galicia nesta categoría, xa que resultou gañadora nos anos 2023, pola iniciativa Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra nos Pendellos de Agolada; 2016, polo proxecto Enredadas que busca a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas para abrir novos mercados en ámbitos como a moda ou a decoración; e no ano 2012, por conxugar o apoio aos oficios tradicionais cunha aposta pola innovación e adaptación aos novos mercados. Durante a súa intervención, Gabriel Alén destacou que o proxecto Artesanía no Prato se basea en tres axentes moi vinculados ao territorio como é o produto agroalimentario, os cociñeiros e cociñeiras e as pezas de Artesanía de Galicia.  

 En canto a Sandra Vilas, titular do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela), resultou finalista do Premio Emprendemento pola súa empresa Claudinas, feltros esculpidos e artesanais, especializado no traballo de pezas en feltro. Na súa empresa consegue escalar a produción para grandes marcas como Loewe sen renunciar ao traballo artesanal, e consolida un modelo de emprendemento que une identidade local, excelencia técnica e visión de futuro. A gañadora desta categoría foi a marca Barrikupel, polo seu emprendemento no rural e o emprego de materiais reciclados.  

Premios Nacionais de Artesanía 

 Os Premios Nacionais de Artesanía convócanse anualmente co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán. Constan de 5 categorías: Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto, Premio Emprendemento, Premio Promociona Entidades Públicas e Premio Promociona Entidades Privadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario