Aniversario
Abel Losada felicita a Silvia Cernadas, tenente de alcalde e delegada de Turismo en Soutomaior, pola consecución do selo de María Vinyals
Correos vén de comunicar oficialmente á Subdelegación do Goberno e ao Concello a aprobación do selo e do inicio do seu deseño
Foto: S. do G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, vén de recibir a comunicación oficial por parte da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos da aprobación do selo relativo a María Vinyals e a inclusión desta iniciativa na programación de emisións de selos de correo e signos de franqueo para o ano 2026. A comunicación leva a sinatura da directora de Filatelia e Relacións Institucionais, Nuria Lera Hervás.
Este selo, que vai servir para conmemorar o 150º aniversario do nacemento da escritora e precursora do feminismo María Vinyals foi unha proposta realizada o ano pasado pola tenente de alcalde e concelleira de Turismo do Concello de Soutomaior, Silvia Cernadas, que xunto co presidente da asociación de veciños/as Santa María, de Ponte Sampaio, José Luis López Carregal, pediu a intermediación da Subdelegación do Goberno.
Abel Losada felicita a Silvia Cernadas pola súa idea e tamén polo impulso para levala a cabo, pois se ben a solicitude inicial foi canalizada a través da Subdelegación, a tenente de alcalde do Concello de Soutomaior realizou as posteriores xestións para que a iniciativa chegara a bo porto.
A sociedade de Correos e Telégrafos xa está en contacto co Concello de Soutomaior para traballar no deseño que compoindrá esta nova emisión e que verá a luz nos próximos meses.
Cernadas e Carregal destacaron a importancia da figura de María Vinyals, “tanto pola súa significación histórica como por líder do feminismo nun momento histórico moi temperán”, ademais da súa faceta de escritora, referente cultural e social.
Abel Losada concluíu que foi unha honra botar unha man para que esta iniciativa saíra adiante e subliñou que, en certo modo, vén paliar o borrado do nome de María Vinyals, que ocupaba un lugar preminente na programación da Deputación a través da Escola de Igualdade, que foi creada no ano 2016 e eliminada no actual mandato. Un dos eventos máis senlleiros que se realizaban no castelo de Soutomaior, lugar estreitamente vinculado á “marquesa vermella”.
Silvia Cernadas é historiadora e unha gran coñecedora do castelo de Soutomaior e da figura de María Vinyals, que ten presencia destacada nun dos libros que ten publicado, “As mulleres na historia de Galicia”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario