9 de dec. de 2025

CULTURA

Lara Meneses reafirma “a alta participación no Xuventude Crea que é mostra do selo Galicia Calidade” 

  En artes plásticas, Sara González, de O Rosal (Pontevedra), resultou gañadora coa iniciativa Retrato dunha familia real

  Os traballos finalistas das especialidades de artes plásticas e fotografía poden visitarse ata o 5 de xaneiro na igrexa da Universidade de Santiago


A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, na inauguración da exposición dos finalistas das especialidades de artes plásticas e fotografía na igrexa da Universidade de Santiago
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, reafirmou “a alta participación que segue a consolidar o Xuventude Crea, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas, unha mostra máis do selo Galicia Calidade”. Fíxoo na inauguración da exposición dos finalistas das especialidades de artes plásticas e fotografía na igrexa da Universidade de Santiago, onde se anunciaron os premiados nestas áreas. 

 Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, fixo fincapé “no escaparate para a mocidade” que supón esta iniciativa “que se sitúa como referente no eido cultural e artístico galego”. 

Premiados en fotografía

 Na final de hoxe, na categoría de fotografía recoñécese o proxecto Viaxeira 1, de Jade Rodríguez, de Ourense, no que a artista procura fendas no real, lugares onde o universo parece dobrarse e permitir outras versións de nós mesmos.  

 Outro dos galardoados foi Cartografía do azul, de Lara Barreiro, de Rois (A Coruña), que tenta crear un paralelismo entre a técnica da cianotipia, de revelación de fotografía, e a memoria, xerando unha metáfora entre a exposición fotográfica e a capacidade de fixar recordos. Pola súa banda, Lidia Amado, de Narón (A Coruña), resultou gañadora coa iniciativa Anómalo, que busca cuestionar a realidade e o estado actual das cousas a través da fotografía e da figura do monstro.  

 A continuación, recoñeceuse Florita, de Sara Gil, de Ames (A Coruña). Trátase dunha proposta na que se une con Antía Vieiro para crear unha obra íntima que rescata o pasado e o reinterpreta a través da moda e da imaxe, construíndo unha estética nostálxica e actual. Compartiu o premio con Penta, de Dania Emilia Pol, de Vigo, un proxecto de autorretrato que pretende unir puntos entre o efémero e o permanente, entre a música e a fotografía. Finalmente, a mención de honra recaeu na proposta Soterrat, de Iago Lourido, de Santiago de Compostela, na que retrata o ambiente presente nos primeiros días tralas graves inundacións o pasado outubro nas localidades valencianas de Massanassa, Alfáfar, Catarroja, Benetússer e La Torre.

Premiados en artes plásticas 

 Na especialidade de artes plásticas, o proxecto O brutal acto de amar: bicos, de Cristian Paz, de Puzo-Ponteareas (Pontevedra), foi o primeiro gañador, cunha composición escultórica de sete cubos de cimento no que a pegada do xesto afectivo deixa lagoas, espazos baleiros, que acusan a ausencia do outro.  

 Seguidamente, recoñeceuse a proposta Agoiro, de Eloy Hermida, de Narón (A Coruña), unha serie de tres obras de grande formato que empregan unha linguaxe escura e combinan simbolismo coa abstracción xeométrica herdada das vangardas galegas. Pola súa banda, Sara González, de O Rosal (Pontevedra), resultou gañadora coa iniciativa Retrato dunha familia real, na que a través da representación pictórica da súa familia, a autora reflexiona de xeito irónico sobre estereotipos vencellados á xente do rural.  

 As mencións de honra desta especialidade foron para a escultura Enmarcando o incerto, de Carmen Omil, de Pontevedra, un proxecto que forma parte dunha investigación sobre a relación entre o corpo e o espazo urbano, e a proposta Pintura de auga nº 1, de Judit Vaquero, de Pontevedra, na que pretende levar a cabo un rexistro pictórico da composición sedimentaria fluvial de distintos ríos galegos que se atopen en situación de risco por contaminación.  

 As obras finalistas destas dúas categorías poden visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 5 de xaneiro, de luns a sábado, en horario de 11,00 a 14,00 e 17,00 a 20,30 horas con entrada de balde. A fotografía e as artes plásticas son dúas das 16 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea.  

 Cómpre lembrar que por esta iniciativa teñen pasado, coa participación deste 2025, algo máis de 6.000 mozos e mozas, con máis de 4.000 obras e proxectos creativos, e teranse repartido 700 premios cunha dotación que se aproxima a 1M € en total.  O vindeiro 19 de decembro celebrarase na Cidade da Cultura a gala desta décimo sexta edición.


Ningún comentario:

Publicar un comentario