O Concello de A Guarda aposta pola mellor mobilidade cidadá coa peonalización dun tramo da rúa Rosalía de Castro
• A obra dará comezo co 2026 e xa se están realizando traballos previos de mellora do muro da Finca de Fínola na devandita rúa
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda iniciará co 2026 unha nova e importante obra: a peonalización da rúa Rosalía de Castro, no contorna da Alameda da vila. Trátase dunha intervención para a mellora e recuperación do espazo para os peóns.
Coa obra preténdese mellorar a accesibilidade e seguridade dun tramo que concentra a diario moita actividade peonil: é itinerario para unir o núcleo urbano con servizos, como o Centro de Saúde, Centro Cultural, centros escolares ou piscina. Ademais, trátase da contorna dunha das zonas de xogos máis importante para as crianzas guardesas e a unión entre Camposancos e A Guarda pola que pasa o Camiño de Santiago.
Coa peonalización instalaranse zonas de sombra e zonas verdes, así como bancos e xardineiras, apostando por un espazo para as persoas. A renovación tamén se realizará no sistema de saneamento e canalización, así como dos elementos de drenaxe e iluminación.
O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, resalta que “queda de manifesto a nosa aposta por mellorar o entorno do casco urbano”. “É unha zona onde xa se mellorou o aparcamento do lado e ampliouse o parque infantil para mellorar a vida dos cidadáns”, afirma o alcalde.
A obra rematará a mediados de ano, pero xa deron comezo os traballos previos coa mellora da integración paisaxística do muro de pedra da rúa Rosalía de Castro, cun orzamento de 48.050€; mentres que o orzamento da peonalización ascende aos 375.000€.
Estas actuacións serán financiadas a través do Convenio Interadministrativo entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de A Guarda para a execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino da Guarda, no Marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NEXTGENERATIONEU.

Ningún comentario:
Publicar un comentario