O PSOE DA GUARDA ACUSA AO CONCELLO DE FALTA DE EMPATÍA CO PERSOAL DA PISCINA MUNICIPAL
Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda
O Grupo Municipal Socialista da Guarda denuncia a ausencia total de vontade política e empatía do Goberno local coa situación das traballadoras e traballadores da piscina municipal, que durante dez meses, como mínimo, verán reducidos os seus ingresos ao 70% da súa base reguladora debido ao ERTE derivado da obra de reforma da instalación.
No pleno extraordinario celebrado hoxe, no que se aprobou o Plan de Seguridade e Saúde da obra, a portavoz socialista Fátima Rodríguez puxo enriba da mesa a situación “profundamente inxusta” na que queda o persoal, que ademais leva “meses vivindo nunha incerteza absoluta sen recibir información clara sobre o seu futuro laboral”.
Rodríguez lembrou que o Goberno local comprometeuse expresamente a buscar unha fórmula que evitase a perda de capacidade adquisitiva do persoal durante o tempo que non puidesen traballar, pero que esas promesas “non se van cumprir”. Ademais, advertiu de que moitas destas persoas teñen contratos a tempo parcial, polo que o impacto económico do ERTE será aínda maior.
Durante a súa intervención, a portavoz deu lectura ao comunicado publicado fai uns días por CCOO, no que o sindicato critica que, aínda que o concello reafirmou o seu compromiso co persoal en repetidas ocasións, finalmente se pode comprobar a ausencia de vontade real do Goberno para buscar alternativas.
Fátima Rodríguez lamentou especialmente que, tras unha denuncia tan clara e fundamentada realizada no pleno, o Goberno local optase polo silencio absoluto, sen ofrecer explicación nin defensa algunha, e defende que “ese silencio é o recoñecemento implícito de que o que dixemos é verdade e de que non teñen argumentos para negar a súa falta de compromiso coa xente traballadora”.
A portavoz socialista insistiu en que aquí non estamos ante unha dificultade administrativa, senón ante “un Goberno sen previsión, sen empatía e sen vocación de servizo público”. “Cando se goberna así, sempre hai alguén que paga as consecuencias. E non son eles, que seguirán cobrando íntegros os seus salarios cada mes; son as traballadoras e traballadores da piscina, que non teñen responsabilidade ningunha nesta situación”, engadiu.
O Grupo Municipal Socialista esixe ao Goberno local que deixe de agocharse no silencio, e se poña a traballar para conseguir cumprir a palabra dada ao persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario