“Sen saúde laboral Mercadona vai moi mal!”
• A CIG-Servizos mobilizouse hoxe contra o acoso na empresa de alimentación coincidindo coa inauguración dun supermercado en Vigo
Infogauda / Vigo
A CIG-Servizos desenvolveu hoxe unha nova mobilización contra o acoso laboral en Mercadona e para rexeitar unha política empresarial interna baseada en insultos, berros, chantaxes, abusos de poder e vulneración de dereitos. Nesta ocasión a protesta tivo lugar en Vigo coincidindo coa inauguración dun supermercado da marca na avenida García Barbón.
A concentración, que tivo lugar a partir das 11:30 horas, fai parte da campaña ‘Un segredo a voces’ posta en marcha en 2022 para denunciar o ‘modelo’ implantado na compañía de alimentación, caracterizado por unha serie de abusos contra as persoas traballadoras e as delegadas sindicais, como faltas de respecto, berros, insultos, persecución, illamento laboral e o acoso telefónico ao persoal que se atopa de baixa.
“Grazas ás distintas accións que levamos a cabo o ano pasado, con mobilizacións cada dous meses, a situación na empresa vai mudando, pero a realidade é que os berros, os insultos, as faltas de respecto, a persecución e o illamento laboral son, polo momento, o noso día a día nos centros de traballo”, tal e como explica a secretaria da sección sindical da CIG en Mercadona na provincia de Pontevedra, Verónica Pérez.
Sostén que a pesar de que a empresa está a levar a cabo un “cambio de imaxe” respecto ao persoal coordinador, “a realidade empresarial que emprega o medo como arma de control. Todas as persoas traballadoras as que estamos e as que estiveron en Mercadona nalgún momento sufrimos abusos laborais de algún tipo, incluso as que hoxe non están aquí e quererían estar. Reclamar redución de xornadas para coidado de menor ou familiar dependente, solicitar concreción horaria, caer de baixa por incapacidade temporal, confrontar coas medidas organizativas da empresa ou pertencer a este sindicato CIG conforman para Mercadona ir en contra do modelo. Un “modelo” non escrito usado como ferramenta de presión e coacción. É o método da Mercadona de dispor as persoas traballadoras dentro do propio centro, uns como exemplares e outros como relegados, facendo que estes últimos sexan marcados e illados sistematicamente pola rede que a propia empresa ten tecida. Mentres o presidente “Juan Roig” merca medios de comunicación anunciando a bombo e prato o seu novo estadio ou “como gañar cartos é necesario e satisfactorio” titular que fixo no congreso Aecoc, o conxunto do persoal é mais sometido mediante un convenio peor que o anterior, con vulneración de dereitos e con cargas de traballo moi altas pola falta de contratacións que substitúa as baixas, que se repiten en tódolos centros de traballo após anos de traballos extenuantes. Non menos importante é, o feito de que os salarios non son mellorados en función das ganancias que obten Mercadona,que poucas non son!!, por que aquí o que gaña ten que seguir gañando e as traballadoras e traballadores temos que seguir suplicando e agardando a prima. Prima empregada ano a ano como premio ou castigo de xeito discrecional, non por meritocracia, senón por seguir ou non o modelo aplicado pola empresa. Finalmente, mencionar que Mercadona está instalada no seu autoritarismo empresarial negándose a negociación colectiva en beneficio do avance social. Pero, dándolle pan para que non lles mordan a man a CCOO e UGT que actúan como persoal de confianza na empresa”.
A central sindical leva dende agosto de 2024 desenvolvendo protestas por todo o país contra o ‘modelo’ implantado na compañía de alimentación, caracterizado por unha serie de abusos contra as persoas traballadoras e as delegadas sindicais, como faltas de respecto, berros, insultos, persecución, illamento laboral e o acoso telefónico ao persoal que se atopa de baixa. De xeito paralelo ás mobilizacións, a CIG tramitou tamén as correspondentes denunciadas diante da Inspección de Traballo.
Segundo explican dende a central sindical este tipo de prácticas responden a unha metodoloxía (‘modelo Mercadona’) que supón unha clara vulneración de dereitos ao contemplar, entre outras cousas, castigos discrecionais sen datos obxectivos que afectan, por exemplo, ao cobro de primas económicas anuais de entre 3.000 e 6.000 euros, como así llo ten traslado a CIG á autoridade laboral. “O obxectivo desta estratexia é presionar, coaccionar e dar exemplo disciplinario a terceiras persoas para deixar claro quen manda dentro do grupo empresarial, aínda que iso provoque situacións de humillación pública ante compañeiras/os ou clientes”.
De igual xeito, a compañía está a penalizar a representación sindical por participar nesta campaña de denuncia mediante actas de reprimenda e valoracións negativas discrecionais “para intentar que abandonemos a empresa”. Ao igual que fan co persoal que non cumpre os tempos como consecuencia da elevada carga de traballo, “que é perseguido e ten que aturar comentarios despectivos”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario