25 de nov. de 2025

TUI

103 anos dos Sucesos de Sobredo 

Actividades de conmemoración nos días 28 e 29 de novembro    




IEAMSo / Tui

 O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo), programa as seguintes actividades:     

 O 28 de novembro (venres)  

No Mes da Memoria Democrática que promove o Concello de Tui, e no marco do Ciclo “Sobredo 103, anos despois”, organiza o venres, día 28 de novembro A música en Sobredo.  


  Terá lugar no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, en Tui, a partir das 19:30 horas; coas intervencións de Tino Baz e @s Folieir@s de Lavadores.     

O 29 de novembro (sábado)     

 Conmemoración dos Sucesos de Sobredo, no seu 103 Aniversario. No lugar dos feitos en Sobredo, parroquia de Guillarei (Tui), a partir das 11:00 horas; coa intervención de Margarita Ledo Andión, cineasta e escritora.     

 No día 28 de novembro do ano 1922, producíronse os Sucesos de Sobredo; no día seguinte, 29 de novembro, realizouse o enterro das tres vítimas, Cándida Rodríguez González, Joaquín Estévez Besada e Venancio González Romero; mortas polos disparos da Guardia Civil ao disolver a concentración veciñal contra o embargo xudicial a un veciño que non pagara a renda do foro.     

 Nos anos seguintes a sociedade labrega conmemorou tal data como mostra da barbarie caciquil da época e exemplo de dignidade colectiva ante os atropelos aos que se vían sometidas as mulleres e homes do rural galego; atropelos que en forma de embargos, trataban de manter o sistema clasista de apropiación dos froitos do traballo agrícola co cobro de rendas, chamadas foros; renda agraria que permanecía sobre as terras dende a época medieval e da que se beneficiaban os descendentes da fidalguía e nobreza, mosteiros, igrexa e burguesía capitalista das zonas urbanas.    

 No décimo cabodano dos Sucesos, en novembro do 1932, implantada a República ergueuse o Monumento aos Mártires de Sobredo, da autoría de Camilo Nogueira; costeado por subscrición popular impulsada pola Federación de Sociedades Agrarias do antigo Concello de Lavadores,     

 No inicio do golpe de estado do ano 1936 o monumento foi dinamitado; pretenderon eliminar a memoria dunha masacre e acabar coas organizacións sociais que loitaban polo desenvolvemento do rural, nunha época de grandes penurias; para as que o único remedio era o recurso da emigración masiva a América.     

 Tanto nos actos de conmemoración dos feitos e de descubrimento do Monumento a música formou parte dos programas dos actos; tal como informa El Pueblo Gallego na edición do 29 de novembro do 1932, o coro “Airiños do Mar” de Teis, realizou a clausura entoando un miserere diante do Monumento.     

 Coa recuperación dos restos e reconstrución do Monumento, en 1988, a música volveu a integrarse nas programacións dos actos anuais de conmemoración; xa fose en formato de grupos tradicional de gaitas; grupos folclóricos; coros tradicionais galegos.     

O 29 de novembro (sábado):     

 Na conmemoración dos Sucesos de Sobredo, no seu 103 Aniversario; no lugar dos feitos en Sobredo, intervirá Margarita Ledo Andión. Castro de Rei (1951), xornalista, escritora e cineasta galega.  

 Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela.  Numeraria a Real Academia Galega.  

 Fundadora do semanario A Nosa Terra e directora entre 1977 e 1980.  

 No período 1974-1976 a súa actividade pública e o seu compromiso político, militante da UPG, provocaron un exilio obrigado en Portugal.  

 Entre outros proxectos foi a creadora da revista Escrita, da Asociación de Escritoras e Escritores Lingua Galega (AELG) e da revista feminista Festa da Palabra Silenciada.  

 No campo da literatura recentemente a editorial Chan da Pólvora publicou o poemario Prefiro condenarme (2024), que reúne poemas actuais cos escritos na época dos anos setenta como, Parolar cun eu, cun intre, con inseuto.  

 Como narradora comeza a súa traxectoria na década dos oitenta cos relatos, Mamá-Fe (1983), as novelas Trasalba ou violeta e o militar morto (1985) ou Porta blindada (1990). Ensaísta, investigadora. Vinculada desde o seu inicio co Festival da Poesía do Condado.  

 O seu labor como cineasta representa un compromiso coherente con todo o seu labor nas demais disciplinas, inconfundíbel sempre a súa identidade como autora, desde unha óptica feminista, recupera a memoria e abícaa na realidade. Entre os seus filmes figuran:  Santa Liberdade (2004) sobre o secuestro do Santa María en 1961, organizado por vinte e catro antifascistas galegos e portugueses do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), co obxectivo de denunciar as ditaduras de Franco e Salazar.  

 Liste, pronunciado Líster (2007), biografía do líder comunista galego. A cicatriz branca (2012). Ficción construída sobre base documental que explora a figura da muller galega exiliada na Arxentina.  

 Nación (2020). Obra sobre a loita das operarias da fábrica de cerámica A Pontesa (que pechou en 2001 en Ponte Sampaio, Pontevedra) que mestura arquivo documental con testemuños destas mulleres e escenas ficcionadas.  

 Prefiro condenarme (2024). A historia de Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol, acusada de adulterio en 1972 e absolta polo Tribunal eclesiástico de Compostela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario