22 de nov. de 2025

TOMIÑO

Tomiño premia mercar no comercio local cunha nova edición da campaña ‘Nadal+Nadal’  

   Do 9 ao 29 de decembro cada compra nos establecementos adheridos poderá converterse nun vale de compra polo dobre do seu valor. Repartiranse ata 3.000 euros en vales  

   Os comercios interesados poden xa adherirse á campaña e participar tamén na ‘Ruta Nadal+Nadal’  




Infogauda / Tomiño 

 A ilusión tamén se compra no comercio local. Chega unha nova edición de Nadal+Nadal, unha campaña coa que o Concello de Tomiño quere impulsar as compras de proximidade e enchoupar as rúas do municipio de ambiente festivo, creatividade e movemento comercial ao longo de todo o mes de decembro. 

 Do 9 ao 29 de decembro, quen merque en calquera dos comercios participantes poderá introducir o seu tícket nunha urna instalada en cada establecemento e optar a gañar un vale de compra polo dobre do importe. Para participar, cada tícket deberá ser de entre 20 e 100 euros. No sorteo final, que terá lugar o 29 de decembro ás 20.30 horas no salón de plenos, extraeranse tíckets ata sumar 1.500 euros en compras, que se traducirán en 3.000 euros en vales para repartir entre as persoas gañadoras. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que esta campaña busca “activar a economía local e recoñecer o esforzo de todas as persoas que seguen apostando polo comercio de proximidade”. A rexedora engade que, especialmente nestas datas, “cada compra que queda en Tomiño é un paso máis para fortalecer o noso tecido económico e apoiar ás familias que están detrás de cada negocio”.

Decoración, creatividade e un concurso que dá cor ao Nadal 

 Como parte da iniciativa, os comercios que desexen participar poderán inscribirse na sede electrónica do Concello entre o 21 e o 28 de novembro. Todos eles entrarán no concurso ‘Ruta Nadal+Nadal’, no que se premiarán os mellores escaparates e a mellor decoración interior dos establecementos.

 Do 9 de decembro ao 6 de xaneiro, as tendas deberán vestir os seus locais con ambientación navideña elaborada preferiblemente con materiais naturais ou reciclados, promovendo un Nadal sostible e unha imaxe propia e creativa que anime a pasear e mercar sen saír de Tomiño.

 O xurado outorgará 500 euros aos establecementos que acaden o primeiro posto tanto en escaparate como en decoración interior e 250 euros aos segundos clasificados. Os nomes das persoas e comercios gañadores daranse a coñecer o mesmo día do sorteo dos vales, o 29 de decembro. 

Un Nadal que suma en comunidade 

 A campaña Nadal+Nadal volve así consolidarse como unha das iniciativas máis importantes de apoio ao comercio local. “Queremos un Nadal vivo, participativo, onde mercar preto da casa sexa tamén unha forma de coidar o noso concello”, afirma a alcaldesa, que salientou que “o comercio local é parte da nosa identidade, e contribuír ao seu dinamismo é contribuír ao futuro de Tomiño”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario