24 de nov. de 2025

SALVATERRA DE MIÑO

A CIG clama contra o despido “inxusto e inxustificado” dunha delegada do comité de Abanca na provincia de Pontevedra 

  Desenvolveu unha protesta hoxe diante da entidade en Salvaterra do Miño 


A CIG continuou hoxe coas mobilizacións para reclamar a readmisión dunha traballadora de Abanca que exercía tamén como delegada da central sindical no comité de empresa da provincia de Pontevedra
Foto: CIG

Infogauda / Salvaterra de Miño

 A CIG continuou hoxe coas mobilizacións para reclamar a readmisión dunha traballadora de Abanca que exercía tamén como delegada da central sindical no comité de empresa da provincia de Pontevedra. Nesta ocasión desenvolveu unha concentración diante da sucursal da entidade en Salvaterra do Miño para denunciar o despido “inxusto e inxustificado” mediante un procedemento “propio dos tempos da Inquisición”. 

 Dende a sección sindical da CIG en Abanca sosteñen que a rescisión de contrato foi decidida de antemán pola dirección, “nun procedemento propio dos tempos da Inquisición no que a compañeira non puido coñecer nin os feitos concretos que se lle imputaron, colocándoa nunha clara situación de indefensión”. 

 A entidade iniciou deste xeito “unha clara represión sindical” contra unha representante sindical que participou e animou ao cadro de persoal a secundar a folga e as mobilizacións convocadas pola CIG. Non hai que esquecer tampouco que a central presentou até catro conflitos colectivos este mesmo ano contra a empresa. “Os tribunais fallaron ao noso favor cando denunciamos unha cláusula abusiva nos contratos de traballo de cambio de horario, ao igual que cando denunciamos que Abanca incumpría o preaviso de cinco días previsto na lexislación para modificar horarios semanais”. 

 Ademais, a CIG denunciou que o persoal necesitaba a autorización da empresa para rexistrar as horas reais que facía, “mais neste caso non houbo sentenza porque o banco modificou o sistema para evitar unha nova derrota”. E presentou unha demanda de tutela da liberdade sindical na Audiencia Nacional, na que estaban implicadas as mesmas persoas do banco que instruíron o expediente “a medida” que pretende xustificar agora o despido da empregada. 

 Por iso consideran que esta acción sindical en defensa dos dereitos do persoal está detrás da dunha decisión “represiva” coa que pretenden “amedrentarnos”. Mais queren deixar moi claro que “non o van conseguir”, ao tempo que adiantan que seguirán a defender a afectada nas rúas e no proceso legal, “na seguridade da súa completa inocencia dos feitos que se lle imputan”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario