O BNG cualifica a campaña do 25N da Deputación de “curta de miras”
• O grupo nacionalista lamenta a ausencia de condena e a falta de compromiso do goberno provincial na loita contra a violencia cara as mulleres
Infogauda / Pontevedra
O BNG vén de cualificar a campaña da Deputación polo Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller do 25N de “curta de miras”. O grupo nacionalista subliña que o lema adoptado este ano polo goberno provincial, ‘O machismo vese claro cando enfocas’, é unha nova mostra da “falta de visión” do Partido Popular ante os datos demostrados da violencia de xénero. “Ante o machismo non é necesario enfocar, as evidencias son manifestas. O que hai que facer é simplemente abrir os ollos para velo, non mirar para outro lado, e non só identificalo, senón encaralo e combatelo”, subliñou a deputada Manuela Rodríguez, quen subliñou que, pola contra, a Deputación está a destacar pola súa inacción e a redución do orzamento destinado á área de Igualdade e á loita contra a violencia de xénero.
O grupo nacionalista lamentou que o PP, en lugar de transmitir unha condena clara, nítida e contundente da violencia de xénero e do machismo, se limite a trasladar mensaxes “mornas”. “Preguntámonos que é o que é preciso enfocar, porque as evidencias son difíciles de ignorar. Os datos da violencia de xénero? As estruturas desiguais no acceso ao traballo, as diferencias salariais, os teitos de cristal? As actitudes e comportamentos cotiás que perpetúan desigualdades ou os estereotipos que normalizan o machismo? Todo iso non é suficiente? Non se ve claro?”, cuestiona Rodríguez, subliñando que “o machismo non é unha cuestión de perspectiva, senón que representa unha estrutura de represión que afecta de maneira transversal a máis da metade da poboación”.
A máis, o BNG destaca que unha institución como a Deputación non pode limitarse a unha óptica tan “estreita” como a de identificar o machismo, senón que debe actuar para combatelo. “A violencia machista non é algo que se poida abordar simplemente recoñecéndoa, sen abordar a urxencia da acción e a prevención”, subliñou Rodríguez. Engadiu que, certamente, só dende a dificultade do PP para identificar o machismo se pode entender que a administración provincial estea a reducir de maneira drástica o orzamento de Igualdade e de loita contra a violencia contra as mulleres con respecto ás cifras do anterior goberno provincial.
A nacionalista lembrou que dos máis de 2.1 millóns de euros investidos en Igualdade en 2023, cun 1.17% do orzamento total, o investimento absoluto para 2026 vai diminuír ata case nin chegar aos 1,8 millóns, deixando a porcentaxe na cifra máis baixa dos últimos anos, un escaso 0,75% do total dos fondos dispoñibles pola administración provincial. Engadiu, ademais, que nos últimos anos non se teñen feito campañas de concienciación nin sensibilización e que, para o vindeiro exercicio, incluso se suprimiu a partida para organizar actos contra a violencia contra a muller. “Ese orzamento queda curto, escaso, igual que o lema da campaña e das propostas que fan”, advertiu, lembrando que no pasado Pleno o PP xa votou en contra da moción do BNG que pedía un incremento dos fondos.
Con todo, o Bloque volveu solicitar ao goberno do PP na Deputación que “abra ben os ollos” e que amose máis compromiso e non conformismo ante unha lacra que supón un problema de dereitos humanos. O grupo nacionalista instou ao Partido Popular a non só esixir ás demais administracións que actúen, senón a asumir a súa responsabilidade institucional alí onde goberna.

Ningún comentario:
Publicar un comentario