O Concello cambiará a cuberta do pavillón municipal para continuar coa súa reforma estratéxica
• O Rosal saca a licitación por preto de 250.000 euros as obras de substitución da cuberta e mellora da fachada, megafonía e ventilación
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal acelera a súa aposta pola mellora das instalacións deportivas municipais cun novo paso clave: a renovación integral da cuberta do pavillón municipal. O Concello vén de sacar a licitación as obras de substitución da cuberta e actuacións complementarias na fachada, megafonía e ventilación deste recinto. Un novo impulso que consolida a folla de ruta marcada polo Goberno municipal para seguir modernizando esta infraestrutura clave para a práctica deportiva e o desenvolvemento da canteira.
Cun investimento próximo aos 250.000 euros, o Concello captou fondos externos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan Máis Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra para realizar a remodelación. As empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 24 de novembro ás 14.00 horas.
A actuación prevé retirar os actuais peches de cuberta e fachadas, realizar traballos de saneamento da estrutura, con limpeza e aplicación de novas capas protectoras, e proceder á instalación dun novo sistema de paneis de alta resistencia que mellorarán o comportamento térmico e a iluminación natural interior. Ademais, incorporarase un novo sistema de megafonía e un sistema de ventilación formado por extractores murais, compoñentes de sobrepresión e un panel de control para regular humidade e temperatura.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o impacto desta acción no avance das políticas deportivas municipais. “Apostamos por infraestruturas de calidade que garantan o benestar e a seguridade de todos os usuarios e usuarias, especialmente para a canteira, que representa o futuro do deporte e da sociedade rosaleira. Máis de 200 nenos e nenas adestran aquí cada semana, polo que esta mellora supón un paso fundamental para que poidan seguir crecendo en condicións óptimas”, subliñou.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, puxo en valor o peso do pavillón na vida deportiva local, xa que “o balonmán e a nosa canteira son un orgullo colectivo e queremos que o pavillón continúe sendo un espazo de referencia para a veciñanza”.
Este proxecto forma parte dun plan estratéxico máis amplo que o Concello está a desenvolver para mellorar e ampliar espazos de lecer, áreas deportivas e zonas de encontro comunitario, consolidando así o seu compromiso cunha vida activa, saudable e accesible para toda a veciñanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario