As Xornadas do Patrimonio pecharán esta edición cunha viaxe única á vida e fala do Rosal hai 40 anos
• O filólogo Francisco Fernández Rei reconstruirá o pasado rosaleiro, este venres, 28 de novembro, a partir das 20.00 h, no Centro Social Polivalente
Infogauda / O Rosal
O pasado é unha ferramenta poderosa para comprender quen somos. Coa forza desta idea arrancará a última das charlas da nova edición das Xornadas do Patrimonio, que este venres, 28 de novembro, ás 20.00 h no Centro Social Polivalente, despedirán unha edición especialmente celebrada coa conferencia “A vida e a fala do Rosal hai 40 anos”, impartida por un dos maiores referentes da filoloxía galega, Francisco Fernández Rei.
A charla promete ser un encontro excepcional coa historia recente do municipio, reconstruída a partir das gravacións etnolingüísticas que o catedrático realizou no ano 1981 en varias parroquias rosaleiras. Un retrato íntimo e profundo da fala, dos oficios, das festas, das tradicións e da vida cotiá dunha comunidade que, aínda dentro da transformación do último medio século, mantén intacto un forte espírito identitario.
Nado en Cambados en 1952, o doutor Francisco Fernández Rei é catedrático emérito de Filoloxía Románica na USC, membro numerario da Real Academia Galega e do Padroado do Museo do Pobo Galego. Dirixe o Arquivo do Galego Oral e coordina varios volumes do Atlas Lingüístico Galego, sendo autor e coautor de obras esenciais sobre dialectoloxía e patrimonio lingüístico. En 1981 percorreu Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón e San Xoán de Tabagón, gravando voces de persoas de entre 19 e 89 anos. Daquela viaxe xurdiu un valiosísimo material que recolle as formas de vida da época: os cultivos, a telleira, a pesca, os usos sociais, as festas, os oficios e as particularidades da nosa fala.
Un peche de edición que honra o pasado e mira ao futuro
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia de rematar as Xornadas de Patrimonio cunha actividade destas características. “É un luxo poder contar con alguén como Francisco Fernández Rei para pechar unha edición que foi un éxito rotundo. Recuperar estas voces e estas historias é recuperar unha parte esencial do que somos como pobo. Protexer o patrimonio non é só conservar documentos, é tamén recoñecer esa memoria viva que nos explica e nos une”, destacou. A rexedora engadiu que este tipo de iniciativas “achegan á veciñanza ferramentas para valorar a riqueza cultural e lingüística do Rosal, e para transmitir ás novas xeracións un legado que non podemos permitirnos esquecer”.
A actividade é de acceso libre ata completar a cabida, e forma parte do programa municipal para a posta en valor do patrimonio cultural, histórico e lingüístico do Rosal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario