17 de nov. de 2025

A GUARDA

O PSOE da Guarda reclama a reposisión das papeleiras retiradas 

 E a instalación de modelos con separación de residuos  


Papeleira multi residuo (3 residuos). Cor verde:.Vidro (botellas e tarros de vidro): Cor marrón: Residuos orgánicos (restos de comida, refugallos vexetais); Cor amarelo: Plásticos e envases (botellas, latas de conservas, envases de tetrabrik).
Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción “para que o Concello acometa un plan de reposición e instalación de novas papeleiras con sistema de separación de residuos”. A iniciativa chega “despois das numerosas queixas veciñais pola retirada progresiva de papeleiras en distintos puntos da vila, o que está a provocar máis sucidade nas rúas e dificultade para a correcta xestión dos pequenos residuos”.  

 A voceira socialista, Fátima Rodríguez, explicou que “non se lle pode pedir á cidadanía que cumpra coa ordenanza municipal se o propio Concello non garante os medios mínimos. Sen papeleiras suficientes é imposible manter as rúas en bo estado e cumprir a normativa, que ademais impide depositar residuos menores directamente nos contedores”.  

 A moción lembra que a actual ordenanza de limpeza establece a obrigatoriedade de utilizar papeleiras para restos pequenos —papeis, envoltorios ou botellas baleiras—, polo que a súa ausencia en rúas, parques e zonas de tránsito está a xerar confusión e unha peor imaxe da localidade.  

 Por este motivo, o PSOE propón catro medidas clave:  

Reposición das papeleiras retiradas nos últimos anos, priorizando os puntos onde a súa falta provoca vertidos ou sucidade.  

Instalación progresiva de papeleiras con sistema separativo (orgánico, envases, papel/cartón e resto) en rúas comerciais, prazas, zonas escolares, parques e áreas turísticas.  

Mantemento e baleirado diferenciados, garantindo unha xestión correcta de cada fracción de residuo.  

Posta en marcha dunha campaña informativa, para fomentar o uso responsable das novas papeleiras e promover hábitos de reciclaxe no espazo público.  

 Rodríguez destacou que “é hora de avanzar cara a un modelo de limpeza e reciclaxe adaptado ao século XXI. Outros concellos de Galicia xa dispoñen de papeleiras separativas, e a Guarda non pode quedar atrás”.  

 O Grupo Municipal Socialista agarda que a proposta sexa apoiada polo goberno local e que se inicie canto antes un plan que responda a unha demanda cidadá evidente e que melloraría de forma inmediata a limpeza e a imaxe da vila. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario