7 de nov. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés visitará ao Morvedre na segunda fase da Copa de la Reina 2026 

O sorteo celebrado esta mañá emparellou ao Mecalia co equipo de Sagunto, que fará de anfitrión 

A eliminatoria a partido único celebrarase o 4 de febreiro, con horario aínda por determinar 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés xa coñece ao seu primeiro rival na andadura da Copa de la Reina 2026. O sorteo da segunda fase da competición, celebrado este venres pola Real Federación Española de Balonmano emparellou ao equipo miñoto co Balonmano Morvedre, para que ambos disputen unha eliminatoria a partido único o mércores 4 de febreiro en Sagunto, con horario aínda por determinar polo club anfitrión. 

 O Guardés, exento da primeira etapa da competición, loitará por un posto na súa fase final contra o equipo valenciano, que venceu con soltura ao Rahi Sepisur Adesal Córdoba, da División de Honra Ouro na primeira fase (25-33). Ambos cadros, Mecalia e Morvedre, aínda non se viron as caras en Liga esta tempada, co seu primeiro cruce previsto para a derradeira xornada da primeira volta, en domicilio na Sangriña arredor do próximo 20 de decembro. 

 Actualmente, as de Sagunto militan na parte baixa da táboa ligueira, en penúltimo posto debido a un balance de dúas vitorias e sete derrotas. Na competición copeira, porén, o Guardés terá moi presente que as valencianas foron capaces de derrotar o ano pasado, tamén como anfitrioas nesta segunda fase, ao Costa del Sol Málaga nun axustadísimo encontro que levaron pola mínima (24-23). 

 O gañador do partido que compartirán o 4 de febreiro obterá unha praza na fase final da competición, que este ano celebrará a súa XLVII edición en Donosti o vindeiro mes de marzo. O anfitrión desas tres xornadas decisivas e campión da pasada Copa, Super Amara Bera Bera, é un dos dous clasificados exentos esta segunda fase. Ao coincidir o vixente gañador co anfitrión, o Replasa Beti-Onak é o outro contendente co pase directo á derradeira etapa grazas ao seu segundo posto do ano pasado. Os demais participantes decidiranse co resultado dos outros cinco emparellamentos decididos esta mañá: 

- Caja Rural Aula Valladolid – Conservas Orbe Zendal Balonmano Porriño 

- Elda Prestigio – Atticgo BM Elche 

- Grafometal Sporting La Rioja – Costa del Sol Málaga 

- Zonzamas Plus Car Lanzarote – Rocasa Gran Canaria 

- Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife – KH-7 BM Granollers  

Ana Seabra: “Sabemos que non podemos relaxarnos cos equipos da Liga, e Morvedre non é diferente” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, valorou o resultado do sorteo desta mañá coa súa filosofía habitual. “Sabiamos que podería saírnos calquera dos equipos da Liga, que sone quipos cos que sabemos que non podemos relaxarnos, e Morvedre non é diferente”, sentencia a técnica.  

 Para Seabra, o valenciano comporta un reto xa que “é un equipo de Liga e imos xogar na súa casa”, polo que “seguramente imos ter moitas dificultades”. Con todo, as súas afrontarano coa determinación de sempre: “Imos traballar e intentar o noso xogo. Temos a ilusión da Copa de la Reina e o obxectivo é pasar”, remata a adestradora, recalcando que “non vai ser un partido sinxelo” e ao equipo espéralle unha grande preparación para superar a eliminatoria de Sagunto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario