O Concello de Tui incrementa até os 15.000€ as axudas para os deportistas tudenses internacionais
• O prazo para presentar as solicitudes é de 10 días naturais contados a partir deste venres
Infogauda / Tui
O Concello de Tui, na súa aposta polo deporte, incrementou até os 15 mil euros a partida destinada á concesión de becas a deportistas tudense que teñan participado en competicións federadas de ámbito internacional. Tendo en conta o alto número de deportistas solicitantes en ano anteriores a partida destinada a estas becas sobe en 5 mil euros, ao pasar dos 10 mil destinados a este fin en 2024, aos 15 mil deste ano 2025.
Este aumento, xunto co realizado nas subvencións nominativas aos clubs deportivos, que pasou de 119.000€ no ano 2024 a 146.000€ neste ano 2025, reflicte a aposta decidida do Concello de Tui polo deporte federado, que abrangue a máis de 2.000 deportistas na nosa cidade con 16 clubs subvencionados.
Co establecemento destas becas o Concello de Tui ten coma obxectivo facilitarlles a práctica deportiva e a súa participación nas competicións. Deste xeito valora a súa especial dedicación ao deporte e, á súa vez, á difusión que realizan da cidade de Tui nos eventos deportivos de carácter internacional onde compiten.
O prazo de presentación comeza mañá venres, 17 de outubro, logo de que hoxe xoves, se publicara no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o extracto das bases reguladoras para a concesión destas becas. Os e as deportistas tudenses terán de prazo 10 días naturais para presentar na sede electrónica do Concello de Tui o impreso de solicitude e a documentación requirida.
En 2024 foron catorce s os deportistas tudenses que foron becados: as padeeiras Lara Feijóo, Cristina e Lucía Soutelo, Tania Fernández e Nuria Romero, os padeeiros Iván Alonso, Pedro Vázquez, Matías Valentín Otero, Manuel Garrido e Xoel Correa, a remeira Carlota González, os remeiros Jesús González e Brais Núñez e o judoca Avelino Martínez.
As bases e o formulario de inscrición están dispoñibles na web municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario