O Rosal impulsa a modernización das traídas de augas veciñais para mellorar a súa calidade e seguridade
• O Concello renova as axudas municipais para comunidades de usuarios, subvencionando ata 5.000 euros por traída
A alcaldesa do Concello do Rosal co presidente da comunidade veciñal de usuarios de augas de Fornelos, e un técnico municipal, nun momento da visita efectuada ao enclave onde está ubicado o depósito regulador
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A auga é un recurso vital e O Rosal non deixa de apostar pola súa calidade e eficiencia. O Concello continúa a apoiar ás comunidades de usuarios de augas veciñais co obxectivo de modernizar sistemas de captación, almacenamento, potabilización e distribución, garantindo unha subministración máis segura, sostible e eficiente.
Na última edición destas axudas, foron seis as comunidades beneficiarias: A Videira, Fornelos-Caselas, Marzán, O Picón, San Miguel e Pías, e San Xoán de Tabagón-As Eiras. Cada unha delas puido acceder a subvencións de ata 5.000 euros por traída, financiando ata o 80% do orzamento dos diferentes proxectos centrados en desenvolver actuacións segundo as necesidades de cada unha das zonas.
Así, na Videira procedeuse a unha importante renovación da antiga tubaxe, instalada nos anos 80, unha mellora clave para garantir a calidade da auga, reducir perdas provocadas polo desgaste e asegurar o subministro ás 32 vivendas que abastece. Mentres, en Fornelos-Caselas, que abastece a máis de 1.000 persoas con 261 billas nos barrios de Fornelos, As Cruces e Caselas dende 1983, procedeuse á limpeza a presión dun depósito e cinco fontes, á reparación de gretas e desperfectos e a accións de mantemento para garantir unha auga segura e libre de contaminantes.
Pola súa banda, na Comunidade de Usuarios de Augas de Marzán levaron a cabo a cloración con analizador fotométrico, instalaron paneis solares para unha xestión sostible e un sistema de telecontrol para supervisar dende o móbil a calidade da auga que chega a 675 persoas e 180 vivendas. No Picón, que abastece a 30 billas, instaláronse novas placas solares para xerar máis enerxía, instaláronse tres baterías e dous cadros de protección e multiplicouse por catro a potencia instalada e a enerxía acumulada.
Ademais, en San Miguel e Pías instalouse un sistema de videovixilancia, mellorouse o alumeado e adquiriuse novo material para optimizar a depuración da auga. Mentre en San Xoán de Tabagón-As Eiras, que leva 30 anos garantido o subministro a case 500 billas, realizáronse obras para optimizar o sistema de abastecemento, evitando filtracións de auga de choiva, condensación e outros problemas que poñan en risco a infraestrutura.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “estas subvencións non só melloran as instalacións, senón que tamén protexen un recurso fundamental para as nosas veciñas e veciños. Apostar pola innovación e a modernización das traídas de augas veciñais é garantir a saúde, a seguridade e o benestar de toda a veciñanza”.
As novas subvencións para o ano 2025 xa están abertas, permitindo ás comunidades de usuarios solicitar apoio económico para realizar melloras nas súas instalacións. A iniciativa forma parte do compromiso do Concello do Rosal por un uso sostible, seguro e eficiente da auga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario