3 de xul. de 2026

CULTURA

Lalín homenaxeará a Laxeiro no 30º aniversario do seu pasamento  

 A homenaxe a este artista universal incluirá unha ofrenda ao pé da súa escultura (rúa Observatorio, 1) e un acto conmemorativo no que se formalizará a doazón particular dunha obra de Laxeiro ao Concello e que rematará co concerto gratuíto “Écfrase” inspirado na obra de Laxeiro

 



Infogauda/Lalín

   O Concello de Lalín renderá homenaxe o martes, 21 de xullo a Xosé Otero Abeledo "Laxeiro" coincidindo co 30º aniversario do seu pasamento, cunha programación que pon en valor o legado dun dos grandes renovadores da pintura galega do século XX. A programación, organizada polo Concello de Lalín en colaboración coa Fundación Laxeiro e o músico Miguel Matamoro, inclúe unha ofrenda floral, un acto institucional coa doazón dunha obra ao Concello e un concerto de piano inspirado na obra do pintor.   

Programa da xornada  

 Os actos darán comezo ás 12.00 horas cunha ofrenda floral, neste caso, unha coroa de loureiro ao pé da escultura de Laxeiro, situada na rúa Observatorio nº 1, nun acto simbólico de recoñecemento ao legado do artista.  

 Ás 20.00 horas desenvolverase o acto institucional no Museo Municipal Ramón Mª Aller que contará con intervencións institucionais de representantes municipais ademais da Fundación Laxeiro e da Xunta e de Antón Castro, comisario e crítico de arte. Un dos momentos destacados da xornada será, no transcurso deste acto, a formalización da doazón ao Concello dunha obra de Laxeiro por parte da familia Santomé González, que pasará a incrementar o patrimonio artístico municipal e reforzar a presenza da obra do artista universal na súa vila natal.  

 O acto pechará co concerto de Miguel Matamoro, que interpretará o proxecto “Écfrase”, unha proposta musical que dialoga coa obra de Laxeiro a través da improvisación pianística.  

Concerto “Écfrase”: unha experiencia intersensorial inspirada en Laxeiro  

 O músico galego Miguel Matamoro ofrecerá unha experiencia sonora única, describindo a través da improvisación algunhas das pinturas de Laxeiro nunha interacción suxestiva entre o mundo visual e o mundo sonoro. O concerto, dunha hora de duración, incluirá composicións propias e explorará espazos sonoros que se constrúen de maneira progresiva, nun proceso creativo que establece paralelismos coa pintura abstracta.  

 A proposta lembra as conexións históricas entre música e arte visual —como as soñadas por Schönberg e Kandinsky— e pretende achegar ao público unha lectura contemporánea da obra de Laxeiro, renovador fundamental da plástica galega.  

 Entrada libre ata completar a cabida.  

 Tanto o acto institucional como o concerto serán de entrada libre ata completar aforo, no marco da programación cultural municipal.  

 Esta conmemoración pretende render unha homenaxe á figura de Laxeiro e seguir achegando a súa obra á cidadanía, reafirmando o compromiso do Concello coa difusión e protección do legado dun dos artistas máis universais de Galicia.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario